xoves, 13 de outubro de 2016

A Xunta saca a lingua a pacer cos "moitos" concursos de traslados realizados nestes últimos 7 anos

Presume de ter resolto nestes últimos 7 anos un total de 14 concursos, cando de axustárense á norma terían que ter sido moitos máis.

A Xunta vén de sacar unha nota de prensa sobre a toma de posesión e datos numéricos do último concurso de traslados: o de corpos xerais. Son 1.100 funcionarias e funcionarios os que tomaron posesión, tras non pouco agardar, na primeira semana de outubro. Partíamos de 1.872 postos ofertados e 2.791 solicitudes. Ata aí correcto.

O curioso é o feito de se remontaren aos datos totais desde o 2009 para sacar peito de que se teñan convocado e resolto 14 concursos de traslados, con 4.800 persoas que obtiveron un posto “que se adapta mellor ás súas necesidades”. Nada reflexionan sobre o fracaso de non ter posto en marcha en 7 anos o concurso permanente ou que, canto menos na teoría, terían que ter sacado un concurso por ano para os diferentes tipos de administración (xeral/especial), escalas e persoal laboral.  Así o recolle o V Convenio Colectivo e así o recollía até o ano pasado a Lei galega de Función Pública.

E pensaredes: de onde saen eses 14 concursos? Pois de contar todos os das diferentes corpos, escalas e persoal laboral; de feito de persoal laboral contan 2 concursos pois a convocatoria foi separada: primeiro para grupo V e logo para o resto. Poñemos entre paréntese o ano da convocatoria: 3 de corpos xerais (2015, 2013, 2010), 2 das escalas de estatística (2012, 2016), 2 de persoal laboral (2011 e 2011),  1 de corpos especiais (2012), 1 escalas de informática (2013), 1 escalas de Finanzas (2013), 1 das escalas de extensión pesqueira e Gardacostas (2012), 1 das escalas de consumo (2012), 1 de persoal veterinario (2011) e 1 de axentes forestais (2009) que en realidade xa fora convocado antes da chegada do actual goberno.

En fin, a nós obrigannos a permanencer 2 anos no posto, pero logo o da convocatoria dos concursos anuais (e xa non digamos do permanente) pois nada de nada. E xa non falemos dos prazos sempre incumpridos para resolver. Falaban tamén de concursos “máis áxiles, sinxelos e con maior periodicidade”, pois tampouco. E mentres a xente, entre concurso e concurso, buscándose a vida a golpe de comisión de servizos ou adscrición provisional, porque como teñamos que agardar na Xunta por un concurso de traslados para achegarnos á casa, promocionar profesionalmente ou simplemente cambiar de póla, podemos agardar sentados. Teñen xa que poñerse as pilas cos concursos permanentes que solucionarían moitos problemas para nós, para a Administración e para a propia cidadanía.

Novas relacionadas:


Ningún comentario:

Publicar un comentario