luns, 14 de novembro de 2016

Mobilizacións o 17 de novembro "ante a ameaza constante ás nosas pensións"

O colectivo de Xubiladas/os e Pensionistas da CIG convoca concentracións nas sete cidades


O Colectivo de Xubiladas/os e Pensionistas da CIG vai iniciar unha campaña para "propiciar a mobilización e a participación activa" deste colectivo na defensa do sistema público de pensións, do poder adquisitivo das mesmas e polo dereito a que as pensións mínimas sexan iguais ao SMI. Con tal motivo, o 17 de novembro teñen convocadas concentracións nas sete cidades galegas.  

Dende o colectivo sinalan que nos últimos meses estanse a escoitar todo tipo de informacións sobre a viabilidade futura do sistema público de pensións, sobre a capacidade para pagar aos e ás pensionistas actuais nos próximos anos, ou incluso sobre a posibilidade de manter as pagas extraordinarias.

 "Estamos ante as mesmas mentiras de sempre, por moi decoradas que estean por supostos 'expertos'", denuncian. Entende o colectivo que con estas noticias en realidade preténdese xustificar o desmantelamento do sistema público e universal das pensións para favorecer os plans privados "dos que se enriquece as grandes empresas e bancos que as xestionan".

A este respecto, engaden que as sucesivas reformas das pensións e da Seguridade Social, aprobadas tanto polo PSOE como polo PP, dificultan cada vez máis o acceso ás pensións contributivas, rebaixan as contías de quen accede ao sistema e atrasan a idade efectiva de xubilación.


A pensión media en Galiza, 15 puntos por debaixo da media estatal


De feito, nos últimos 6 anos houbo varios exercicios nos que non se revisou o importe nominal das pensións ou fíxose por baixo da inflación, chegando a incumprir a lei para a súa actualización pola desviación do IPC até que no ano 2013 se procedeu a anulación desta lei.

Esta última reforma das pensións executada polo PP elimina a referencia do IPC para o incremento das pensións e promove un duro recorte que pode reducir até nun 20% as pensións futuras, "sobre as mentiras do aumento da esperanza de vida".

Estas políticas provocan que un empobrecemento maior dos/as pensionistas: case o 60% das pensións galegas están por baixo do salario mínimo, aumentándose a diferenza negativa. Así, en Galiza a pensión media está máis de 15 puntos por baixo da pensión media do Estado español.

Especial mención cómpre facer tamén da discriminación das mulleres nas pensións contributivas por unha vida laboral máis precaria e con importantes lagoas de cotización, que xunto á feminización das pensións non contributivas, fai que 1 de cada 4 mulleres maiores de 65 anos estea baixo a liña da pobreza.

Repagamento de medicamentos


A todo isto sumase o roubo desde o Estado ás pensións dos/as emigrantes retornados e o estabelecemento polo Partido Popular dos repagamentos, a retirada de medicamentos moi usados do financiamento público, e o recobro dos medicamentos que se dan nas farmacias dos hospitais.

Medidas que "nos afectan especialmente ás e aos pensionistas e enfermos/as crónicos/as, converténdose nun novo imposto á enfermidade e nunha grave dificultade para acceder á medicación aumentando o sufrimento das persoas".

Por iso, dende o Colectivo de Xubilados/as e Pensionistas da CIG teñen claro que hai que "propiciar a mobilización e a participación activa do colectivo das persoas pensionistas e xubiladas na esixencia de cambios na actual situación. É necesario que nos mobilicemos para que se derroguen todas estas políticas e reformas".

Horarios e lugares das mobilizacións


-A Coruña: ás 12h na Subdelegación do Goberno

-Compostela: Ás 11h na sede da TXSS (r/ Carlos Briones Varela)

-Ferrol: ás 12h no Edificio da Xunta

-Lugo: ás 13h na Subdelegación do Goberno

-Ourense: ás 11.30h no INSS

-Pontevedra: ás 11h na INSS (r/Gagos de Mendoza)

-Vigo: ás 12h na Xunta de Galiza (Praza da Estrela)

Ningún comentario:

Publicar un comentario