xoves, 26 de xaneiro de 2017

OPE e retribucións 2017: moito fume e pouca leña

Outra volta volven desde a Xunta a anunciar que van convocar 3.000 novas prazas na Oferta de Emprego Público para 2017 pero de novo só fume. Na presentación dos Orzamentos para este ano prometeuno o conselleiro de Facenda; iso, e por enésima vez, que recuperaremos o complemento específico nas pagas extras.

Os matices

1) Que "a ver se chegan" a 3000 prazas. De momento promesas.

2) Isto sería só para "ensino, saúde e servizos sociais". Insuficientes. A penas chegan para cubrir as persoas que se xubilaron (ou morreron) o ano pasado. Ou sexa, que manterían o nivel igual co ano pasado, sen tentar recuperar todo o persoal que se perdou en anos anteriores con taxas de resposición do 10% ou 50% nestes sectores "prioritarios".

3) Nada dixo de Administración xeral.

4) Que se oferten, non quere dicir que se convoquen, e a saber cando se resolven.

5) O que se convocan son prazas (non postos) e inclúen tamén a cota de entre o 25 e o 50% da promoción interna. A realidade na Xunta son continúas amortizacións de postos e unha alta temporalidade do persoal que ocupa os postos que restan. A oportunidade, se é que chega, é que haxa 3000 persoas con traballo estable na Administración autonómica, algunha das cales ou ben xa estaba na Administración nun grupo inferior (promoción interna) ou pode ser unha das miles que leva anos nunha situación de temporalidade encadeada, moitas veces a contratos de días.

Ou sexa, 3.000 prazas ofertadas non quere dicir 3.000 nov@s profesionais públic@s e 3.000 prazas ofertadas na Xunta quere dicir 3.000 prazas que se cubrirán  a saber en que ano ou mediante que sentenza xudicial, vendo as últimas novas. De feito, as únicas prazas que non son fume son as que derivan das sentenzas xudiciais, de indefinición e/ou de repetición de chapuceiras oposicións.

Cómpre recordar as OPEs do 2008 e 2009 onde sacaron moitisimas prazas e que ainda estan sen convocar os procesos de consolidación e de estabilización; son miles de prazas e por suposto sen resolver e iso que non se aumenta nen unha praza a maiores das que xa hai.

O que tería que facer a Xunta é, a maiores de cubrir xubilacións e defuncións, ofertar tantas prazas como postos cubertos temporalmente existen, que boa falta fai para ter uns servizos públicos de calidade e non colapsados e que se deixen de privatizacións que xa sabemos o que pasa despois (menos calidade e máis caros).

O complemento específico nas extras

Como non, e por enésima vez, volve a sacar o tema de que nos Orzamentos de 2017 volveremos cobrar os específicos na extra. Xa sabedes, anuncialo 1000 veces para cobralo 1 vez. E isto, sen saber aínda que van facer coa parte devengada ata que entre en vigor o novo orzamento.

Por outra banda, no Estado español xa avanzaron que subirían as retribucións un 1% e que o farían retroactivamente, independentemente de cando aproben os Orzamentos. De novo, enésimo anuncio para cobrar unha soa volta o atraso.

Do que ningún goberno fala, é do recorte do 5% do ano 2010 que fai que o persoal funcionario teña as retribucións básicas das pagas extras bastante máis baixas e do 5% lineal sobre todos os conceptos do persoal laboral. E iso para cando?


Ningún comentario:

Publicar un comentario