xoves, 2 de febreiro de 2017

A CIG exixe a convocatoria da Mesa Xeral de Negociación das Administracións

A central vén de transmitirlle á Secretaría de Estado de Función Pública o seu malestar pola falta de información


A Área Pública da CIG vén de transmitir a súa protesta e malestar a Elena Collado, secretaria de Estado de Función Pública, dependente do Ministerio de Facenda, pola “falta de comunicación e información” que ten a CIG malia ter presenza na Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas e nas distintas mesas de negociación sectoriais.

Na comunicación remitida sinala que tivo constancia, a través de diversos medios de comunicación, das xuntanzas que se están a realizar con organizacións sindicais que tamén están presentes na Mesa Xeral. “Noticias nas que se fala de que o goberno e os sindicatos están tratando temas como a suba salarial dos traballadores e traballadoras das administración públicas, emprego público…”

Diante disto a CIG lembra que tal e como se acordara na última xuntanza da Mesa Xeral de Negociación das Administracións Publicas, celebrada o pasado día 29 de xuño de 2016, remitiu xa daquela propostas, suxerencias e consideracións en materia de Función Pública de cara á futura Lei de Orzamentos Xerais do Estado para este año 2017.  Porén, afirma, “a data de hoxe só nos consta que por  parte de Función Pública foron recibidas, sen ter ningunha outra comunicación nin resposta ás propostas que enviamos.

Por iso exixe a convocatoria da Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas na que se acometan e negocien as demandas laborais , as melloras oportunas para a correcta prestación dos servizos públicos así como a continuidade dos mesmos”. Servizos públicos que, subliña, se atopan nun grave deterioro como consecuencia das súas propias políticas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario