xoves, 16 de febreiro de 2017

Seixo: "É o momento de presionar coa mobilización social para que se derroguen todas as contrarreformas impostas"

A CIG mobilizouse en demanda da recuperación dos dereitos laborais e sociais roubados coa escusa da crise


Centos de persoas participaron nas mobilizacións convocadas pola CIG a prol da recuperación dos dereitos laborais e sociais roubados á clase traballadora coa escusa da crise, a través das reformas laboral, de negociación colectiva e das pensións. Uns recortes que atacan mesmo as liberdades públicas e que provocaron unha enorme precarización do emprego, facendo que a figura do asalariado/a pobre sexa unha realidade.

"É o momento de presionar ao goberno para que se lexisle no camiño de recuperar estes dereitos perdidos. Sabemos que, por propia iniciativa, non o vai facer, porque o as políticas que aplicou até agora en materia económica e sociolaboral responden ao modelo ideolóxico do PP”.

Con estas palabras expresábase o Secretario Xeral da CIG, Xesús Seixo, na súa intervención ao remate da concentración realizada na Coruña.


Manifestacións o venres 17

-Pontevedra: dende a Praza da Ferrería ás 20.00 horas.
-Vilagarcía: dende a Casa do Mar ás 20.00 horas.
-A Estrada: dende a Praza do Mercado ás 20.00 horas.


A CIG, inmersa nunha intensa campaña


Seixo explicou que a central nacionalista está inmersa nunha campaña mobilizadora que ten como obxectivo presionar ao parlamento español para que todas as contrarreformas impostas, fundamentalmente polo PP, so pretexto da crise, sexan derrogadas.

Unha campaña que a CIG acordou pór en marcha para aproveitar o cambio de circunstancias políticas, cun Partido Popular gobernando sen maioría absoluta, o que permite que se formulen proxectos de lei dirixidos a derrogar todas esas reformas.

Posto que, fronte ao que se asegurou dende o goberno, estes axustes “non tiñan un carácter conxuntural” para superar a crise económica, senón que teñen “vocación de permanencia, cun obxectivo claro de implantar un modelo de relacións laborais profundamente precarizado”.

 

Un mercado laboral deteriorado

O Secretario Xeral fixo a radiografía dun mercado laboral marcado tanto pola devaluación dos salarios, como pola perda de calidade do emprego, cun incremento significativo da flexibilidade da xornada laboral e con contratos a tempo parcial que agochan en moitas ocasións unha contratación fraudulenta. Proba diso é o relevante aumento do número de horas extraordinarias que se están a facer que nin se cobra, nin se cotizan.

Seixo denunciou tamén as consecuencias do descolgue de moitas empresas dos convenios colectivos, o deterioro dos servizos públicos,  o recortes no sistema público de pensión ou os problemas derivados do retallo nos subsidios de desemprego.

 

Chamada á mobilización social

Neste contexto defendeu que resulta  "fundamental saír á rúa e presionar coa mobilización social para lograr, tanto do goberno como dos grupos da cámara na oposición, que tomen en serio promover proxectos de lei que nos permitan restituír aqueles dereitos que nos recortaron e ir cara un modelo de relacións laborais que sirva realmente para mellorar as nosas condicións de traballo e de vida".

É dicir, lexislar no camiño contrario ao seguido até o de agora, que só busca precarizar as condicións laborais e empobrecer a clase traballadora, recortando dereitos e minimizando o poder reivindicativo pola vía de flexibilizar o emprego, individualizar as relacións laborais e matar a capacidade de defensa colectiva dos intereses da clase traballadora. "Deste xeito facilítase o incremento da marxe de beneficios e da riqueza dos grandes grupos económicos. Hoxe, a consecuencia das políticas do PP, as persoas ricas son máis ricas e as pobres, máis pobres".

Nese chamamento á mobilización, Seixo incide tamén na necesidade de superar a pasividade na crenza de que os grupos parlamentares da oposición van traballar nese sentido, insistindo en que “a única maneira de chamar a atención e forzar a todos os grupos para que teñan esta cuestión como prioritaria é a da contestación social”.  De igual xeito, a central agarda que as outras organizacións sindicais maioritarias se poñan a traballar na mesma liña, fronte á actitude pasiva que mantiveron até agora.

 

Manifestacións e concentracións en todas as comarcas

A xornada de mobilizacións daba comezo coas asembleas que se celebraron nas comarcas de Ourense, Pontevedra e Vilagarcía e onde ao remate das mesmas as delegadas e delegados fixeron concentracións na Subdelegación do Goberno, o INSS e o INEM.

Mentres en Ferrol, os/as delegados/as e o colectivo de persoas xubiladas e pensionistas a CIG realizaban unha concentración-cadea humana para rodear o edificio do INSS en defensa dun dereito tan fundamental como unha pensión digna.

Xa pola tarde, tocaba as quendas das concentracións de Lugo (na Subdelegación do Goberno) e A Coruña (no Obelisco), onde participou o Secretario Xeral, Suso Seixo. De xeito paralelo ás rúas de Vigo e Compostela acollían cadansúa manifestación que partiron dende a Dobrada e a Praza Roxa, respectivamente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario