martes, 16 de maio de 2017

Atrásase unha proba diagnóstica nun hospital concertado de Ferrol por non facilitarse documentación en galego

CIG-Saúde denuncia a discriminación lingüística que sofren as persoas usuarias na sanidade pública galega


CIG-Saúde vén de dirixirse ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e ao Xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, para denunciar a discriminación lingüística sufrida por unha persoa usuaria da Sanidade Pública, que tivo que ver atrasada unha proba diagnóstica por non serlle facilitado o documento de consentimento informado en lingua galega, tal e como esta persoa requiriu, conforme ao seu dereito.

A CIG-Saúde explica que nesta ocasión, trátase da negación dun dereito a unha persoa derivada desde a Sanidade Pública a un centro concertado de Ferrol, o hospital Juan Cardona, que xa noutra ocasión negara a posibilidade de entregar a documentación en galego, é dicir, “un caso reincidente de negación de dereitos a unha persoa que está accedendo a un servizo prestado pola Administración Sanitaria Pública”. Con todo, asegura que isto non é a primeira vez que sucede, nin este é o único centro onde se ten producido.

Lembra que o artigo 3 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística, estipula que “os poderes públicos de Galiza adoptarán medidas oportunas para que ninguén sexa discriminado por razóns de lingua". O artigo 6.1 da mesma lei, estabelece o dereito dos/as cidadáns/ás ao emprego do galego, tanto oralmente como por escrito, nas súas relacións coa Administración Pública. Así mesmo, e en desenvolvemento destes artigos da LNL, a Consellaría de Sanidade emitiu o 8 de novembro de 2005 as instrucións 11/2005 sobre "Emprego do galego nos documentos da Consellaría de Sanidade e do SERGAS".

Por iso insta a que, dunha vez por todas, se tomen medidas para que todos os centros dependentes desta Consellaría, e todos aqueles centros que atenden persoas derivadas da Sanidade Pública dispoñan de toda a documentación na nosa lingua propia, o galego, e garantan a non discriminación de ninguén por razón de lingua.

Exixe ademais que desde o Servizo Galego de Saúde se estabelezan as medidas oportunas para que todo o persoal dispoña das ferramentas necesarias para a garantía dos dereitos lingüísticos, tanto a nivel material como de formación, entendendo que a Administración Sanitaria Galega non pode continuar a consentir casos graves de discriminación como o que aconteceu estes días.

Ningún comentario:

Publicar un comentario