martes, 20 de xuño de 2017

Función Pública subtrae postos do futuro concurso xeral e das eleccións de destino

Ofertarán prazas que non pasaron polo concurso en localidades con alta demanda de postos (como Vigo ou Ourense). E retirarán da oferta prazas que resultaron vacantes do concurso por estar ocupadas por persoal temporal ou en comisión de servizos.


Os procesos selectivos de corpos xerais de promoción interna (correspondentes á oferta do ano 2012) e acceso libre POR FIN ESTÁN A PIQUES DE REMATAR. A elección de destino está prevista para a primeira semana de xullo para promoción interna do A2, C1 e C2; entre a terceira semana de xullo e a primeira de agosto para acceso libre (con C2 pendente dun informe xurídico); promoción interna de A1 podería ir no medio.

Mentres chega o día, a Dirección Xeral de Función Pública enviounos a súa proposta de criterios de selección das prazas a ofertar atendendo as peticións dos outros sindicatos. A CIG non está conforme:

  • Retiran da oferta aquelas prazas vacantes tras o concurso que estean ocupadas por persoal temporal ou en comisión de servizo.
  •  Como non lles chegan as prazas, botan man de prazas de servizos centrais que non pasaron polo concurso.
  • Engaden prazas doutras localidades e que tampouco pasaron polo concurso e das que aseguran son de difícil cobertura.

Respecto das prazas que retiran por estar ocupadas por persoal interino, dicir que o acordo entre Administración de Estado e UGT, CCOO e CSIF afecta a prazas que leven vacantes tres anos. Estender sen límite os efectos do acordo é subtraer prazas ás persoas que teñen dereito a escollelas. En canto ás prazas ocupadas en comisión de servizo, non existe xustificación válida algunha máis que os problemas que ten a Administración derivadas das súas propias limitacións orzamentarias.

En canto a ofertar prazas que non pasaron por concurso cualificándoas de “difícil cobertura”, afirmamos que é MENTIRA que prazas de localidades como Vigo, Ourense e outras poidan ser así cualificadas. Sabemos que existe demanda de postos nesas localidades. Rexeitamos o argumento que manifestan de que quedaron sen adxudicar en comisión de servizo. Que un posto quede sen adxudicación en comisión de servizos non é por non existir demanda, senón polos atrancos que as consellerías poñen para entregar informes favorábeis á marcha do seu persoal debido a que despois estas últimas terán dificultades para cubrir os seus propios postos tanto por persoal interino como en comisión de servizos. Xa que logo, rexeitamos o argumento exposto e responsabilizamos ás políticas orzamentarias do propio goberno das dificultades para cubrir as vacantes.

Entendemos que o persoal que vai elixir destino estará interesado en que se lles oferten todas as vacantes, pasaran ou non polo concurso. Pero a CIG ten que velar tamén polos intereses do persoal que prestando servizos nunha localidade leva anos tentando moverse a outra. Por tanto, non podemos aceptar que se oferten prazas en localidades de alta demanda sen pasar previamente polo concurso de traslados.

A CIG enviou escrito á Dirección Xeral da Función Pública solicitando:
  • Ter información de todas as vacantes coa situación individual de cada unha delas.
  • Que oferten todos os postos base vacantes que pasaron polo concurso.  
  • Caso de non chegaren, que oferten postos base vacantes en localidades con baixa demanda que non pasaron polo concurso pero que foron ofertados en comisión de servizos sen que houbera solicitudes.
  • Só ao final, postos base de localidades de baixa demanda, pasaran ou non polo concurso.
Para rematar, e pensando nas futuras ofertas de emprego, insistir no que reclamamos sen moito éxito: que se garanta permanecer na localidade ás persoas que aproban a promoción interna, se fai falla mediante a opción ou a reclasificación dos postos ou a participar no acto de elección de destino. Iso animaría a máis funcionarios e funcionarias a valorar máis interesante á promoción interna.

Ningún comentario:

Publicar un comentario