venres, 13 de outubro de 2017

A Xunta improvisa na xestión dos lumes forestais

A CIG reclama a readaptación do servizo ás novas necesidades do rural


O sector de Autonómica da CIG-Administración acusa a Xunta de manter unha política de improvisación no que ten que ver coa xestión dos lumes forestais e responsabiliza a Consellaría de Medio Rural de carecer dunha planificación xeral ao respecto. Diante disto reclámanlle aos seus reponsábeis a readaptación do servizo de extinción ás novas realidades do medio rural galego e invítanos/as a dimitir no caso e que non estean capacitados/as para abordar estas novas necesidades.

Dende a central aseguran que xa non teñen adxetivos para definir “os continuos bandazos aos que nos ten acostumados a Consellaría do Medio Rural na xestión dos lumes forestais” e lembran que levan varias campañas avisando “do novo tipo de lumes, da súa desestacionalización, das necesidades de adaptar o dispositivo aos novos escenarios, da modificación que esixía o paso a ser un servizo de emerxencias e da nula planificación en xeral existente”.

Como consecuencia, lamentan que a actual vaga de incendios deste autono collera a Xunta “en panos menores" co período de alto risco natural xa finalizado “e co mes extra que pode declarar xa gastado dende o mes de abril”. A isto hai que sumar que o reforzo de verán de tres meses -con persoal propio da Consellaría- levaba sete días xa na casa logo do seu cesamento, como sucede todos os meses de outubro dende o ano 2012.

Precisamente co obxectivo de aumentar o tempo de traballo deste colectivo, a CIG presentou dúas Proposicións non de lei (PNL) no Parlamento, ademais de continuas solicitudes á secretaría xeral técnica do Medio Rural e das máis de 70 sentenzas gañadas en primeira instancia para que pasaran a traballar un mínimo de nove meses e quedar así equiparados/as e amparados/as polo V convenio colectivo como o resto de compañeiros/as. “Solventaríase deste xeito unha situación de alegalidade para con eles/as, a maiores dun reforzo de dispositivo con xente de experiencia que implementaría a valorización dos recursos propios da Xunta”, sosteñen.


Improvisación e dimisións


A pesar disto, denuncian que nestes últimos días estanse a producir unha serie de improvisacións “que deixan ás claras a inoperancia e a falta de previsión dunha Consellaría que non está á altura das circunstancias”:

- Chamamentos de persoal con nocturnidade e aleivosía durante a fin de semana apenas cinco días despois de cesar 436 traballadores/as. Por impedimentos burocráticos xenerados pola propia Xunta, finalmente teñen que chamar a xente sen experiencia ao non poder optar o propio persoal de reforzo.

- Chamamento ao persoal de reforzo cinco días despois de despedilo. Iso sí, en dúas quendas: pola mañá só se ía chamar aproximadamente ao 50%, e pola tarde cambiaron de opinión e chamaron ao resto. A situación contractual que isto xenerará xa se improvisará cando toque. Hai que lembrar que varias veces se argumentaran trabas burocráticas por parte da Xunta para impedir a ampliación destes contratos. Milagrosamente agora é a propia Xunta a que os reinicia dun xeito que consideramos, cando menos, alegal.

- O 085 está a quedar desatendido nalgunhas quendas nocturnas dende principios de mes.

- Hai brigadas con todoterreos de substitución inoperativos nos lumes debido á nefasta xestión da secretaría xeral técnica, que é incapaz de facer unha previsión seria duns vehículos que se cambian cada cinco anos.

Polo tanto, dende a CIG esíxenlle a Medio Rural que faga os movementos necesarios para lograr unha readaptación do servizo ás novas realidades do rural galego. “É imprescindíbel asumir que desapareceron os conceptos de estacionalidade sobre os que pivota o dispositivo -non só arde no verán- , polo que o persoal debe de estar contratado tal e como recolle o convenio para dar resposta a esta nova realidade e poder facer unha prevención real e, por suposto, planificada”. E finalmente reclaman a dimisión dos responsábeis do departamento autonómico no caso de que non se vexan capacitados/as para xestionar estas novas necesidades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario