xoves, 26 de outubro de 2017

“Combatimos lumes forestais de cuarta e quinta xeración cun SPDCIF do século pasado”

As delegadas e deñegadps da CIG denuncian que o dispositivo público da Xunta está ancorado na década dos 90


O sector de Autonómica da CIG-Administración vén de facer público un comunicado elaborado polos delegados/as sindicais da central no Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF) no que denuncian as consecuencias de ter que combatir lumes forestais de quinta xeración “cun dispositivo ancorado nos anos 90 do século pasado”.

Dende a representación sindical da CIG no SPDCIF lembran que na última vaga de incendios a concentración de focos “foi elevada pero nin moito menos foi a máis alta do período histórico”. De feito, segundo datos da Consellaría do Medio Rural o número de lumes durante as 24 horas de maior presión incendiaria foi de 210 (entre o domingo 22 e o luns 23 de outubro), cando o propio departamento autonómico cifra a media dun día de verán en 40-50 lumes.

Ademais, se se comparan estes datos cos de 2006 -ano co maior número de lumes do que vai de século- vemos como o 10 de agosto -día con máis incendios de todo o ano- houbo 281, ardendo na primeira quincena 84.356 hectáreas. A cifra de superficie queimada na última vaga de lumes feita pública por Medio Rural é de 35000 hectáreas, “cifra ao noso entender intencionadamente errática”. Con todo, consideran que queda demostrado que este país ten coñecido días peores en canto a actividade incendiaria, tanto no número de incendios como no número de hectáreas queimadas.

“O problema radica entón en que nos enfrontamos a un novo tipo de lumes, lumes de cuarta e incluso quinta xeración”. Dende un punto de vista técnico, dos profesionais que se encargan da extinción de incendios forestais -neste caso do SPDCIF - o principal causante do caos que se viviu durante a vaga de lumes “é consecuencia da nova tipoloxía de lumes coa que nos atopamos, onde a combinación do abandono do rural, a aglomeración de especies pirófitas, o cambio climático e o caos urbanístico das zonas de expansión do rural converteron o país nunha auténtica bomba de reloxería”. Por todo isto, sosteñen que se a actividade criminal incendiaria actúa coincidindo con certas condicións climáticas como as que se deron na fin de semana dos lumes, “pode ocorrer un auténtico desastre”.

Indican que este tipo de incendios de cuarta xeración -lumes de interface que combinan lume forestal e urbano- e de quinta xeración -grandes incendios forestais simultáneos con lumes de interface masivos- que ameazan a poboación e desbordan a capacidade de extinción dos equipos obriga aos medios de extinción a actuar en actitude defensiva -protexer bens e persoas- sen apenas posibilidade de poder atacalos. “Aínda que estes tipos de lume se poden combater con moita estratexia e planificación, o obxectivo a perseguir é reducir o risco de xeración destes, cunha boa xestión do monte e a creación dun paisaxe resistente ao lume”.

Dispositivos mermados e atomizados


Neste senso, sinalan que dende a CIG veñen avisando dende hai varios anos á Consellaría da posibilidade de que algo así acontecera. “Esta nova tipoloxía de lumes e as súas consecuencias superan a capacidade actual de extinción dos dispositivos máis preparados e, por suposto, superan a capacidade de extinción de dispositivos mermados e atomizados como o xestionado pola Xunta”.

Lembran que dende hai unha década os lumes de interface -cuarta xeración- están á orde do día, mais por parte de Medio Rural nin sequera se contemplan protocolos de intervención conxunta entre os diferentes corpos de extinción que día si e día tamén teñen que convivir nestes lumes. “O dispositivo público da Xunta que pivota sobre o SPDCIF está ancorado nos lumes de terceira xeración dos anos 90, grandes lumes que superaban o dispositivo de extinción pero onde non existía esta ameaza sobre as poboacións, tal e como sucede a día de hoxe”.

Con todo, poñen o acento en que a loita que tanto os bombeiros/as forestais do SPDCIF como bombeiros/as urbanos e membros dos demais corpos tanto civís como de seguridade “foi exemplar, dobrando xornadas, traballando nos días libres e enfrontándose ao caos que a Xunta foi incapaz de xestionar”. Mais consideran que a pesar desta entrega “só a choiva freou o que podería ser algo nunca visto por estes lares”.

A mesmo tempo, amósanse convencidos/as da necesidade de que os responsábeis políticos/as presenten a súa dimisión -Tomás Fernández Couto como máximo responsábel do dispositivo e a conselleira Ángeles Vázquez como responsábel final- por non adiantarse nin prever “unhas emerxencias que se veñen avisando dende hai case dez anos, e pola demostrada incapacidade de xestión que quedou latente na sociedade”.

Medidas para enfrontar os lumes que ameazan poboacións


A CIG tamén vén esixindo dende hai anos a necesidade de analizar a nova tipoloxía de lumes e a multiememerxencia que provocan. “Apuntamos a continuación unha serie de medidas que dende o punto de vista da extinción a Xunta debería acometer de xeito urxente para poder enfrontar estes lumes que ameazan as poboacións”.

  • Buscar protocolos claros entre os diferentes de equipos de intervención do eido urbano e forestal.
  • Mellorar os protocolos de comunicación e actuación cos diferentes medios que actúan nos lumes.
  • Imprescindíbeis protocolos de actuación para os lumes de interface, onde actúan, alomenos, bombeiros/as urbanos e forestais.
  • Melloras formativas para os bombeiros/as forestais para preparalos/as ante estas novas necesidades xa que cando se perfilou o servizo, nos anos 90, non existían.
  • Adaptación do SPDCIF aos novos lumes de cuarta e quinta xeración.
  • Incorporar a todo o persoal do SPDCIF un mínimo de nove meses tal e como recolle o convenio colectivo para poder acometer mellor as labores de prevención e as emerxencias que poidan acontecer.
  • A utilización de medios mais versátiles como os tiltdozer -da familia dos bulldozer-, que permiten axustar mellor os traballos ás fiestras de oportunidade, normalmente na noite e nas primeiras horas da mañá.
  • Axeitar a dispoñibilidade de auga nos núcleos poboacionais do rural, con mangueiras e bocas de subministración homologadas.
  • Formación do dispositivo de acordo ás posíbeis multiemerxencias dos incendios forestais.
  • Adaptar os medios aéreos para que traballen en peores condicións climatolóxicas. Precísanse aparellos de potencia ascensional con maior capacidade de carga de auga, e que actúen en condicións de vento adversas, tipo Kamov. Habería que combinar estes con helicópteros de transporte de brigadas e descarga de auga.
  • A necesaria formación no eido psicolóxico para o persoal do SPDCIF, xa que nos lumes de quinta xeración, como en boa parte das emerxencias, vai ser frecuente o desenvolvemento das funcións en situacións de moito estrés e perigo, tanto para os propios/as traballadores/as como para a poboación. Esta preparación favorecerá un mellor desenvolvemento do traballo e maior seguridade para todas/os.
  • A curto prazo, levar a cabo urxentísimas reunións de coordinación -mesa sectorial, comisión ou como queira a Xunta chamarlle- para evitar que volte suceder o vivido na fin de semana do 15 de outubro; e no medio prazo, sería inadmisíbel que coa chegada da invernía non se formara ao SPDCIF nestas multiemerxencias.
  • E por suposto, contar cun dispositivo público, único, máis operativo e versátil.

Ningún comentario:

Publicar un comentario