mércores, 4 de outubro de 2017

Feijóo ignora á mantenta o deterioro das condicións laborais e de vida das galegas e galegos

A CIG critica as afirmacións do presidente da Xunta durante o debate do estado da nación


A CIG considera que a comparecencia do presidente da Xunta no debate do estado da nación, “describindo un país que non existe”, é unha “burla” ás miles de galegas e galegos que viron como as súas condicións laborais, materiais e de vida se deterioraron nos últimos anos. Anos de reformas laborais, recortes e abandono do tecido produtivo galego que deixaron sen emprego e cunha enorme perda de dereitos laborais, salariais e sociais a miles de traballadoras e traballadores que se viron sumidos/as na pobreza, sen que desde a Xunta de Galiza se articularan medidas que permitiran darlle a volta a esta situación.

Así o valorou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen responsabiliza ao propio Feixóo desta situación, por ter permitido que se consolide en Galiza “un mercado laboral asentado na explotación e no empobrecemento da clase traballadora”. Por iso, lonxe da suposta recuperación á que o Presidente da Xunta fixo referencia no seu discurso, Carril afirma que “na Galiza real padecemos as consecuencias das fracasadas políticas do PP, incapaces de crear emprego no país”.

Lei de Fomento Empresarial


Como exemplo dese fracaso o secretario xeral da CIG puxo a propia Lei de Fomento da Implantación de Iniciativas Empresariais en Galiza. Así, mentres Feixóo a presentou como a vía ideal para “captar investimento” como “prioridade de país”, o secretario xeral da CIG considerou que é “unha auténtica emenda á totalidade das súas propias políticas” xa que modifica –sen o preceptivo debate- toda unha serie de leis que foran, na súa maioría, impulsadas polo propio PP. Isto alén de considerar que favorece un modelo industrial colonial co que o goberno do PP “deserta de defender os intereses do pobo galego, renegando de tomar a iniciativa a favor do desenvolvemento económico e social de Galiza”.

 

Servizos públicos


O secretario xeral da CIG considera ademais “unha falacia” a suposta mellora en infraestruturas e prestacións nos servizos públicos, nomeadamente en Ensino, Sanidade e Servizos Sociais da que falou o Presidente da Xunta. “El e o seu goberno encargáronse de desmantelar os servizos públicos favorecendo unha vaga de privatizacións”, afirma Carril.

Neste sentido lembrou o incremento exponencial de orzamentos destinados ao ensino privado e o enorme descenso dos destinados ao ensino público ou os recortes de profesorado. Xunto a isto denunciou que coa lei de Saúde o que se vai provocar é que se avance aínda máis nas políticas de desmantelamento da sanidade pública -dando cabida á iniciativa privada-, provocando unha perda do número de camas e servizos nos hospitais comarcais, dificultando a accesibilidade aos servizos sanitarios, paralizando a reforma da atención primaria, reducindo o número de traballadores/as e precarizando máis unha vez as súas condicións laborais.

Carril chama a atención sobre o feito de que no referido a transporte Feixóo centrara a súa intervención nas infraestruturas, pero non fixera referencia algunha ao nefasto Plan de Transporte imposto tras unha longa folga do sector. Un Plan que se gañou a oposición social por empeorar o servizo precisamente nese rural que tanto dixo defender, que puxo en risco postos de traballo e que a CIG ten impugnado xudicialmente.

 

Proceso catalán


Respecto da chamada do Presidente da Xunta a que “retomen a cordura quen incumpren as normas”, en referencia ao Procés catalán, Carril é contundente. “Equivócase se pensa que o futuro de Galiza pasa por unha orde constitucional que é precisamente a orixe do seu atraso”.

Fronte a iso, o secretario xeral da CIG defende o dereito a decidir e o dereito de autodeterminación dos pobos, lembra a “lección cívica” que o pobo catalán deu este domingo nas urnas e considera que “un Presidente galego debería aspirar a conseguir para o seu país o recoñecemento dos dereitos que como nación nos corresponden para termos un futuro de dignidade e xustiza social”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario