xoves, 4 de xaneiro de 2018

A Xunta entrega máis de 2 millóns de euros en subvencións aos medios de comunicación nun só día

Os últimos días do ano deixan no DOG a publicación de varias axudas aos medios de comunicación.

En concreto, o 29 de decembro publicouse a resolución das axudas concedidas a empresas xornalísticas e de radiodifucións que actuén no noso país cun gasto total de 1.666.194,87 €.

Ademais, ese mesmo día tamén se publicaron os xa clásicos convenios coa Corporación Voz de Galicia, S.L.U. e Editorial Compostela, S.A. para "a difusión informativa da capitalidade de Santiago de Compostela", entre outras, cun gasto de 360.000€.

Subvención directa ás empresas de comunicación pola súa actividade


A convocatoria dos 1.666.194,87 € publicouse no DOG de 3 de maio. Xa de aquela, como todos os anos, denunciáramos a súa convocatoria pola inexistencia de motivación real para esta subvención sen concorrencia competitiva; trátase unicamente de soster economicamente a súa actividade dando máis cartos canta maior difusión teñan, sen outra finalidade. O cal ten como resultado financiar aos grandes grupos de sempre, como vemos na gráfica.


A principal beneficiada é La Voz de Galicia, S.A. con 677.300,54 € (40,65%) e logo a bastante distancia Faro de Vigo, S.A.U. con 280.858,05 € (16,86%) e El Progreso de Lugo, S.L. con 110.657,76 € (6,64%). Entre as tres empresas levan máis do 60% da subvención total. O 40% restante repártese entre un total de 18 empresas.

Para maior abundamento sobre a fragmentación destas axudas, cómpre fixarse que no último tramo final do 7,99% destas axudas ("Outros") hai un total de 11 empresas, entre as que está tamén Voz de Galicia Radio, S.L.U. (do grupo Corporación Voz de Galicia, S.L.U.) con 30.924,96€.

Entre as dez primeiras empresas subvencionadas aparecen dúas radios:   Radio Popular, S.A. (Cope) no cuarto lugar con 90.000 € (5,40%) e no oitavo lugar Uniprex, S.A. (Onda Cero) con 61.030,92 € (3,66%). O resto das radios (6) fican escondidas na etiqueta "outros", sendo as máis destacadas aquí pola súa cantidade a antedita Voz de Galicia Radio, S.L.U. (30.924,96 €.) e Sociedad Española de Radiodifusión, S.L. (28.892,58 €)

O día 29 de decembro foi un gran día para Corporación Voz de Galicia, S.L.U. Entre unhas axudas (para o xornal  La Voz de Galicia e para Radio Voz) e outras (dous convenios) chegou a sumar case un millón de euros (953.225,50 €).

E con este panorama, tendencias ideolóxicas a parte, resulta moi doado comprender por que a gran maioría destes medios, sobre todo os que se levan a maior parte do pastel e teñen maior difusión, dificilmente van publicar información que sexa incómoda para o Goberno. Todo o contrario, ao final atopámolos cheos de propaganda a favor deste.

O curioso é a motivación sobre o papel desta subvención: a "liberdade de expresión" e fomentar uns medios "máis plurais e independentes"; iso di literalmente a convocatoria. Para mexar e non botar gota. Por suposto, e como todos os anos, seguindo coa retranca habitual, tamén se busca "a potenciación da lingua e cultura galega" e "a galeguidade". O compromiso é tal que "obrigan" ás empresas a que nunha memoria descritiva detallen que un mínimo do 8% do total dos contidos publicados está en galego... ridículo.

Ben é certo que para as publicacións escritas integramente en galego hai outra subvención, esta si que conta cun carácter finalista para fomentar unha actuación concreta (non a empresa de comunicación) co obxecto de normativizar o uso da nosa lingua. En calquera caso, resulta rechamante a diferenza cuantitativa da subvención entre unhas e outras axudas (197.009,66€ fronte a 1.666.194,87€), como rechamante é a falta de normalización no uso do noso idioma.

Convenios de "colaboración"

Ás anteriores axudas hai que engadir un par de convenios de "colaboración" que asina a Secretaría Xeral de Medios, a mesma que convoca e resolve as anteriores subvencións, coa Corporación Voz de Galicia, S.L.U. e Editorial Compostela, S.A. para "a difusión informativa da capitalidade de Santiago de Compostela" (125.000 € e 115.000 € respectivamente) Coa Corporación Voz de Galicia, S.L.U. tamén asina outro convenio "para a divulgación de información sobre a investigación, desenvolvemento e innovación (i+d+i) en Galicia" (120.000 €)

Como xa temos denunciado, estes convenios aínda que legais resultan unha presunta fraude. No proceso non existe maior colaboración que a Xunta paga e o medio publica o que esta lle "suxire"; o cal semella máis ben un contrato de publicidade en toda regra.

Cómpre non esquecer que logo cada consellaría asina os seus propios convenios con gran parte destes medios para difusión de novas relacionadas coas súas competencias e os contratos directos de publicidade institucional por onde se van millóns de euros sen unha utilidade real para a cidadanía que poderían ser destinados a favor dunha maior calidade dos servizos públicos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario