venres, 19 de xaneiro de 2018

Financiar postos de libre designación coa eliminación de postos base: a subdirección de 4 postos

A Consellaría de Infraestruturas e Vivenda vén de remitirnos unha serie de documentación de modificación da súa RPT como consecuencia da publicación da modificación do seu Decreto de estrutura. Entre esta documentación está unha memoria complementaria, unha táboa de equivalencias  e uns acordos de transferencia de peresoal que non deixan contento a todo o mundo. Descargar documentación.

Resulta chamativo na memoria complementaria que para crear un posto de subdirección e outro de xefatura de servizo amorticen... outra subdirección e outra xefatura de servizo?? Pois non, amortizan un posto de limpador/a, un de subalterno/a e outro de legoeiro/a para financiar o posto de subdirección. Polo menos, o servizo creado financianno a través da amortización doutro servizo. Xa sabedes, a famosa estabilidade orzamentaria...

O problema da "estabilidade orzamentaria" é que está non afecta aos decretos de estrutura e crean tantas subdireccións ou servizos como queiran, que son cubertas a dedo, despois xa amortizarán os postos inferiores que fagan falta, que son cubertos por concurso. Problema engadido é que logo deses postos estruturais non dependen os postos nin o persoal propio suficiente para levar a cabo con eficiencia as competencias desa subdirección ou servizo. No canto de limitar por lei que os servizos non se poidan crear en estrutura se non é para coordinar un mínimo digamos de 10 postos e as subdirección de 20, por exemplo, non, logo atopamos até servizos ou subdireccións sen ninguén máis que a persoa que ocupa a xefatura do servizo ou a subidrección..

Que non queremos dicir que sexa o caso concreto, pero non queda moito mellor parado crear unha subdirección e un servizo para 4 postos: 1 subdirector/a, 1 xefatura de servizo, 1 xefatura de sección e 1 xefatura de negociado. Para crear postos estruturais (que son cubertos por libre designación sen requisito míninmo de experiencia, por certo) nunca hai limitación, que "o manda un Decreto" e sácase o orzamento de onde seña, maiormente amortizando postos de nivel inferior.

O que pasa nesta reforma non é máis que o que xa vemos a diario na Xunta: inversión da pirmámide de recursos humanos, onde cada vez hai máis cargos e menos postos base, onde o traballo se realiza con encomendas, encargos, privatizacións, subcontratas, asistencias técnicas ou chamádelle X. Din que non hai cartos para crear novos postos, que si a estabilidade orzamentaria, que si farrapos de gaita, pero logo veña a engordar a estrutura pra cordinar e dirixir e o traballo base que o fagan encomendas ou subcontratas, xerando así un encarecemento dos servizos públicos e unha precariedade laboral nas traballadoras e traballadores do fondo da pirámide, maquillando a "estabilidade orzamentaria".

En fin, está claro que, se non protestamos, se non facemos nada, o día de mañá quedarán só de xefaturas de servizo para riba e o resto...xa sabedes:

«Cando os nazis viñeron buscar aos comunistas, gardei silencio, porque eu non era comunista.Cando encarceraron aos socialdemócratas, gardei silencio,porque eu non era socialdemócrata.
Cando viñeron buscar aos sindicalistas, non protestei, porque eu non era sindicalista.
Cando viñeron a por os xudeus, non pronunciei palabra,porque eu non era xudeu.
Cando finalmente viñeron a por min, non había ninguén máis que puidese protestar.»

 (Martin Niemoller)

Ningún comentario:

Publicar un comentario