Estas accións apoiaranse en diversos recursos de aprendizaxe, bancos de preguntas tipo test, respostas razoadas e persoa titora de apoio.
Actualmente esto é ciencia ficción na EGAP, e polo tanto tamén o é para o persoal público da Administración xeral da Xunta de Galiza. Porén, leva anos sendo xa unha realidade para o persoal funcionario da Administración Xeral do Estado. Recentemente, como todos os anos, publicouse unha resolución do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se convocan accións formativas en liña de apoio a a preparación das probas selectivas para acceso, por promoción interna, a diversos corpos da Administración Xeral do Estado.
Como non, recibimos varias queixas de a ver que era esto, que na Xunta sempre igual, que ademais de non saber cando sae a promoción interna, cando remata e que cada ano sexa dun xeito, cos temarios mal, tarde e arrastro, que aquí só buscan o beneficio das academias privadas, que os sindicatos deberíamos reclamar unha preparación semellante...
Pois claro que si, coincidimos plenamente e levamos anos demandandolle á EGAP e á Función Pública que artellen un sistema de preparación semellante para que a EGAP se convirta nunha verdadeira escola de formación que garanta o dereito á promoción profesional do persoal público. De nada valen uns temarios de corta e pega, sen titorización, sen materiais de apoio, sen test... uns temarios que ademáis, cando non son normas, non son vinculantes, e cando son normas son cortas e pegas de escasa calidade, con problemas de actualizacións, mal traducidos ao galego e que por riba chegan só uns meses antes do primeiro exame.
En
concreto, no INAP, para a convocatoria descrita, estas accións non inclúen temario, senón que se apoian noutros recursos de aprendizaxe. Cada acción dispón dun banco de preguntas tipo test, organizadas de forma que poidan seleccionarse por temas, bloques ou curso completo. Para unha mellor aprendizaxe do alumnado, as respostas van acompañadas da súa correspondente xustificación ou razoamento. Persoas titoras expertas nomeadas polo INAP apoiarán ao alumnado na resolución das preguntas ou cuestións que se expoñan ao longo da preparación. Para ese efecto, o alumnado disporá dos foros correspondentes. Esta formación faise on line, previa anotación.
Estamos a anos luz en canto a procesos selectivos e na promoción interna, en particular, que aquí vén sendo convocada aleatoriamente, cada moitos anos, sen saber exactamente a data dos exames, cambiando o número de probas, o modelo, os tipos de temas, pagando máis polas taxas e por último a escasa colaboración por parte da Administración de cumprir coa súa obriga de "fomentar as medidas tendentes á promoción profesional do seu persoal". Que mellor forma de cumprir esta obriga que formando específicamente ao seu persoal no acceso á promoción interna?
Pero, non, sempre é mellor que despois de duros anos de recortes (máis que ningún outro empregado ou empregada pública) teñamos que gastar os cartiños que nos quedan nas academias privadas. Outro agravio comparativo que se une ao que denunciabamos a semana pasada sobre a interpretación do permiso por deber inescusable para atender as crianzas enfermas que teñen na Administración Xeral do Estado. Agardamos que o director xeral da Función Pública non meta a zoca como coas compañeiras e compañeiros de Xustiza e volva a responder que se queremos os dereitos doutro sitio, que concursemos para alá...
Ningún comentario:
Publicar un comentario