mércores, 14 de marzo de 2018

A suba salarial no sector público só permite recuperar o 0,48% anual, até 2020, do poder adquisitivo perdido

O persoal das Administracións tardaría 28 anos en restablecer o recortado nos últimos oito anos


A Área Pública da CIG (CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde) non subscribirá o acordo entre o Ministerio de Facenda e as organizacións sindicais estatais CCOO, UGT e CSIF que se prevé que se asine na Mesa Xeral das Administracións Públicas convocada para mañá mércores, día 14 de marzo, nin polo fondo, nin polas formas. 

Denuncia a pretensión de desvincular os salarios do persoal das Administracións públicas do IPC; que ese acordo só permitiría recuperar un 0,48% anual do poder adquisitivo perdido até 2020 e que, de se manteren os criterios marcados, o persoal das administracións públicas tardarían 28 anos en recuperar o que foi recortado nos últimos 8 anos. Rexeita ademais que se pactara, como en ocasións anteriores, fóra das mesas de negociación.

O portavoz da Área Pública da CIG, Xavier Picón, asegura que ademais de non recuperarse o poder adquisitivo perdido, tampouco se recuperan as prazas de emprego público recortadas, nin os dereitos laborais suprimidos. “Mantense tamén intacta toda a lexislación restritiva de dereitos de participación e negociación colectiva, facendo táboa rasa de todas as reivindicación sindicais”. Toda unha serie de cuestións ás que, afirma, “non pode renunciar a Área Pública da CIG”.


Pacto fóra das mesas


Picón denuncia que o texto do documento foi acordado polas cúpulas sindicais e gobernamentais “sen publicidade nin contraste coas traballadoras e traballadores do sector público, á marxe da mesa de negociación e mantendo vellas prácticas desgraciadamente consolidadas tanto no bando sindical como no do goberno”.

De feito acusa a CCOO, UGT e CSIF de se converter en “cómplices dun Goberno que, lonxe de recoñecer o esforzo soportado durante a crise e restituír os dereitos e as condicións de traballo suprimidos relega ás persoas empregadas públicas ao papel de vítimas permanentes dunhas políticas contrarias aos intereses da clase traballadora en xeral e das persoas empregadas públicas en particular”.

Desvinculación do IPC



A Área Pública da CIG considera moi grave que, no documento, as organizacións sindicais accedan a pactar incrementos salariais que “xa non se indexarán en función da carestía da vida, senón en función da evolución da economía global española”. Un precedente que Picón cualifica de “pernicioso” porque o PIB “só reflicte o incremento do valor monetario dos bens e servizos, desligándose da evolución dos prezos do noso consumo diario e sen establecer antes criterios de reparto igualitario deses beneficios”.

Alerta ademais de que iso foi precisamente o que se fixo coas pensións públicas –desligar o seu incremento ao IPC- e que provocou unha importante perda do seu poder adquisitivo e unha contestación social sen precedentes das persoas pensionistas.

Deste xeito a Área Pública da CIG calcula que nos próximos tres anos as retribucións do persoal público se incrementarían nun 6,12% (con subas de 1,75%; 2,25% e 2% en cada exercicio). A maiores fíxanse uns posíbeis incrementos vinculados ao PIB. Porén, “segundo as estimacións do Banco de España de decembro de 2017, o PIB non superará o 2,1% nos anos 2019 e 2020, polo que no mellor dos casos esas subas poderían chegar, como máximo, ao 6,38%”.

Ademais, segundo eses mesmos informes do Banco de España, o IPC destes tres anos (2018 a 2020) experimentará un incremento do 4,67%. “Isto implica que parte da recuperación do noso poder adquisitivo se limitará a un 0,48% anual, ou 0,57%, no mellor dos casos)”.

A Área Pública da CIG ten en conta ademais o desfase de poder adquisitivo mínimo desde 2010, que foi dun 13,20% no Estado, polo que o funcionariado e o persoal laboral público tardaría 28 anos en recuperar o que lle foi arrebatado polos diferentes gobernos.

“Esta recuperación sería moito máis lenta en administracións como a galega”, sinala Pincón, porque “a Xunta foi máis agresiva que a propia administración central nos recortes ao seu persoal, mantendo complementos específicos das extras recortados até o ano 2017 e onde o acumulativo do IPC foi lixeiramente superior ao do Estado”.

Por iso para a Área Pública da CIG é “unha auténtica tomadura de pelo ás persoas empregadas públicas que se nos fale de recuperación de poder adquisitivo en relación ao perdidos nos últimos 8 anos”.

Fondos adicionais


Respecto dos fondos adicionais que se contemplan no acordo e que se poderían negociar e incrementar nas diferentes administracións públicas, Picón explica que son fondos con carácter finalista polo que “a súa distribución pode afectar de xeito desigual aos distintos colectivos, grupos ou escalas de empregados/as públicos/as”.

En todo caso, a CIG entende que cada administración debe poder chegar a acordos retributivos sen estar condicionada por acordos e inxerencias do goberno e as cúpulas sindicais estatais xa que, do contrario, “se está a negar a capacidade de negociación das organizacións sindicais e das administracións en cada ámbito de negociación”.

Propostas da CIG


A Área Pública da CIG xa adianta que presentará as súas propias propostas  e defenderá unha suba adicional sobre o acordo acadado entre o goberno e os sindicatos estatais dun 4,40% en 3 anualidades, para recuperar o 13,20% do poder adquisitivo perdido no período 2010.2017, incluíndo unha cláusula de garantía salarial por desviación do IPC.

Demandará ademais a derrogación das normas implantadas polo goberno central que provocaron un grave deterioro das condicións laborais, nomeadamente a penalización por enfermar, porque no acordo “o único que se recolle é que as diferentes comunidades autónomas poderán regular as condicións a cumprir para completar até o 100% nas baixas por IT”.

Reclamará tamén a recuperación de dereitos perdidos que no documento non aparecen e a xubilación parcial que non se amplía ao funcionariado do réxime xeral. Xunto a isto reclama que se inclúa a recuperación dos Fondos de Acción social; o fin dos recortes nas pagas extra nos conceptos de salario e trienios; dos permisos e licenzas suprimidos; da restitución da parte dos convenios colectivos suspendidos ; da implantación do sistema de carreira horizontal ou da clasificación  do persoal titulado de FP2 no grupo B e de FP1 no grupo C1.

Sen creación de emprego


Para a Área Pública da CIG o texto incluído neste acordo supón unha ampliación do Acordo sobre estabilización do Emprego Público que a CIG xa rexeitou no seu momento porque non recupera emprego público perdido entre 2010-2017 e que se cuantifica en 270.000 postos de traballo no conxunto do Estado, 12.000 deles en Galiza. En todo caso Picón matiza que se está a falar de “prazas estruturais que xa están ocupadas na actualidade, nuns casos por persoal temporal ou interino e noutros por persoal indefinido non fixo por sentenzas que, en ningún caso, implican incremento real de prazas nos cadros de persoal”, matiza Xavier Picón.

Por iso a Área Pública da CIG conclúe que “malia a tan cacarexada mellora da situación económica, o mantemento das taxas de reposición non permite crear emprego no sector público, nin recuperar as prazas perdidas nos últimos anos nestes ámbitos. “Isto vai seguir xerando emprego temporal e inestábel e, nalgúns casos en fraude de lei, co agravante de que agora as taxas xa non veñen impostas, senón que son froito de acordo coas organizacións sindicais estatais”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario