martes, 24 de abril de 2018

A CIG chama á clase traballadora galega a mobilizarse no Primeiro de Maio no camiño da folga xeral

Pola recuperación dos dereitos, contra a pobreza e a precariedade e por empregos, salarios e pensións dignas


A CIG convoca manifestacións en cidades e vilas para o vindeiro Primeiro de Maio, Día da Clase Obreira, baixo o lema “Pola recuperación dos nosos dereitos. Contra a pobreza e a precariedade. Na Galiza, emprego, salarios e pensións dignas”. A central sindical fai un chamamento a camiñar cara a unha folga xeral “no convencemento de que é a resposta necesaria” ante a situación que estamos a vivir.

Mobilizacións convocadas


  • Pontevedra. Praza da Ferrería 11:30h
  • Vilagarcía. Casa do Mar 12h
  • A Estrada. Praza do Mercado 12h
  • Lugo. Edificio Sindical (Ronda da Muralla) 12h
  • Ribadeo. Edificio Sindical (Avda. Da Galiza) 12h
  • A Coruña. Praza de Vigo 12h
  • Cee. Diante do Concello 12h
  • Ferrol. Local da CIG - Avda de Esteiro 12h
  • Compostela. Praza Roxa 12h
  • Ribeira. Praza do Peixe 12h
  • Vigo. Dobrada 12h
  • Cangas. Praza do Concello 18:30h
  • Ourense.  Praza Maior 11:30h

Fronte á propaganda diaria sobre o crecemento e a recuperación da economía, a CIG advirte que na realidade “estamos diante dunha gran mentira porque todos os indicadores públicos evidencian un empobrecemento xeneralizado”.

Lembra que hoxe ter un traballo “non garante vivir en condicións dignas” e advirte de que vivimos “tempos de emerxencia nacional e social” ante o agravamento do asentamento imparábel da precariedade, dos baixos salarios, das pensións de miseria e dunha incesante emigración.

A central sindical alerta do avance da pobreza laboral e dos contratos de traballo en condicións escravizantes, que duran horas, días ou semanas e da instalación de novas formas de explotación laboral, con cadeas interminábeis de subcontratación, de ETTs, de empresas multiservizos, coa imposición dos falsos/as autónomos/as…

Consecuencia das reformas


Todo isto é o resultado da imposición durante os últimos anos, primeiro polo PSOE e despois polo PP, das reformas sociais, laborais, das pensións –esta última co apoio de UGT e CCOO- das privatizacións de servizos públicos (sanidade, ensino, servizos sociais).

Unha situación que para a CIG se ve agravada, no caso galego, ante a negativa do goberno de Feixoo a tomar algunha iniciativa que permita apostar por que a riqueza dos nosos recursos sirva para crear emprego digno e industrialización e “non para encher máis os petos dos que cada vez acumulan máis fortuna en territorios lonxe de Galiza”.

Denuncia ademais que isto sucede por ter un goberno español, o do PP, que estando en minoría mantén con man  e ferro estas políticas, protagonizando a diario episodios de corrupción que pretende agachar coa tiranía propia do franquismo, empregando unha desmedida represión sindical e xudicial, criminalizando a resposta social contra as súas políticas.

E denuncia tamén que entrementres as teóricas forzas da esquerda española son incapaces de poñérense de acordo para facerlle fronte, para presentar unha moción de censura ou tan sequera para aprobar proxectos de lei que tiren abaixo todas estas políticas e contrarreformas laborais e sociais que tanto dano fan á clase traballadora.

Intensificar a mobilización


Por iso a CIG entende que “non podemos permitir a continuidade dos efectos da crise económica nin das reformas laborais e sociais impostas no seu nome porque manteñen o saqueo ás maiorías sociais e ao pobo galego”.

Chama a afrontar o desafío de intensificar a mobilización, como clase  traballadora, para conseguir derrogar as reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións se queremos evitar o risco de vivir en peores condicións que as xeracións anteriores. E explica que “decidímonos a actuar, apostando pola capacidade da clase  traballadora de encarar esta situación, porque cremos no enorme potencial da mobilización social, como recentemente demostraron, o 8 de Marzo, as mulleres traballadoras galegas, como demostran os pensionistas ou o persoal da Xustiza en Galiza e outros colectivos de traballadores e traballadoras en loitas importantes nos seus centros de traballo”.

Camiñar cara a folga xeral


Por isto este Primeiro de Maio a CIG fai un chamamento a camiñar cara unha folga xeral, “conscientes do que significa”, pero no convencemento de que “é a resposta necesaria ante o que estamos a vivir”.

Folga xeral para que o PP non siga facendo “ouvidos xordos” ao clamor social das persoas que saíron a demandar pensións dignas, “téndomos claro que está moito en xogo, xa que isto non será posíbel mentres non se derroguen as reformas das pensións do 2011 e do 2013”.

Neste sentido a central sindical advirte de que estas reformas das pensións “tiveron, teñen e terán aínda máis graves consecuencias, porque a quen acceda á xubilación a partir do 2019 aplicaranlle o chamado “factor de sostibilidade”, que significa que, por cada ano que vivamos máis, cobraremos menos.

Ferramenta da clase traballadora contra o roubo e os abusos


A CIG defende a folga xeral como “o instrumento que temos para lle demostrar ao poder político e ao poder económico a nosa disposición de resistencia pero tamén de loita pola recuperación dos nosos dereitos, a mellor maneira de responder aos abusos dunha patronal que se ve con todo a favor con este goberno e con estas leis”.

Así sinala o desmantelamento da negociación colectiva que provocou a “paralización dos convenios, indo á baixa e atacando as nosas condicións laborais e salariais coa individualización das relacións laborais, e impoñendo convenios e acordos marcos estatais que non dan cabida ás nosas necesidades”.

Mais tamén defende a folga xeral como resposta ás privatizacións e recortes nos servizos públicos, convertidos polo PP nunha oportunidade de negocio para o capital, mentres medran os sectores sociais desatendidos e sen ningún tipo de cobertura social.

Represión e recorte de liberdades


En todo caso, para a central sindical, a folga xeral tamén ten que servir como resposta ao retroceso das liberdades democráticas e dos dereitos fundamentais a través da chamada “Lei Mordaza”, da última reforma do Código Penal, que “se está a manifestar con brutal represión contra traballadores e traballadoras con risco de entraren en prisión por exercer o dereito á folga (como lle ocorreu a Carlos e Serafín) ou a existencia de presas e presos políticos por defenderen os dereitos nacionais dos pobos que integran o Estado español”.

A CIG aposta, pois, pola loita da clase traballadora e do pobo galego é, como sempre foi, a vía fundamental para a defensa e conquista de dereitos, para alcanzar política alternativas coas que na Galiza teñamos emprego, salarios e pensións dignas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario