mércores, 23 de maio de 2018

Axentes forestais e ambientais mobilizaranse este xoves para reclamar un acordo que regule as condicións laborais

Convocan unha manifestación dende a Consellaría de Medio Ambiente ás 10:30 horas até a Xunta en Santiago


Os axentes medioambientais e forestais da Galiza mobilizaranse este xoves 24 en Santiago para reclamar un acordo que regule as condicións laborais e denunciar que a dirección xeral de Función Pública pretende aumentarlles as gardas, ampliándolles a xa excesiva xornada de traballo. As centrais CIG e UGT convocan unha manifestación que arrincará da Consellaría de Medio Ambiente ás 10:30 horas e rematará diante do edificio administrativo da Xunta en San Caetano.

Dende a representación sindical lembran que levan dende 2007 sen un acordo laboral que regule cuestións fundamentais para este persoal funcionario da Xunta como son horario e xornada, plano formativo, permisos, segunda actividade, compensacións por exceso horario, especial responsabilidade e riscos asociados ás funcións como a toxicidade, penosidade e turnicidade, entre outros.

“Lonxe de negociar un novo acordo, a dirección xeral de Función Pública quere impor un aumento das gardas de case o 50%, ampliando a excesiva carga horaria de máis de 190 horas ao mes durante seis meses e ofertándonos unha subida salarial de 0,36 euros a hora, sen presentar unha proposta de acordo seria que concilie a vida laboral e familiar e que dea solución ao aumento da tempada de alto risco de incendios e da desestacionalización dos mesmos, á súa perigosidade, ás alertas ambientais derivadas do cambio climático e ao incremento dos delitos ambientais”.

Principais demandas do colectivo


Por todo isto, e tendo en conta as necesidades na defensa e protección do patrimonio natural e forestal da Galiza, as organizacións sindicais CIG e UGT centran as demandas dos axentes nos seguintes puntos:

-Segunda actividade.
-Adecuación do complemento específico.

-Suba dos niveis mínimos.

-Proposta ao órgano competente do Estado sobre a xubilación anticipada con coeficientes redutores.

-Redución horaria das gardas e do cómputo anual.

Ao mesmo tempo, denuncian o desleixo de Función Pública e das Consellarías de Medio Ambiente e Medio Rural na negociación do acordo “nun contexto no que tras sete meses de espera non avanzamos na negociación a pesar de que nos atopamos a piques de entrar na época de alto risco de incendios, e sen que a Xunta busque solución a un conflito que leva demasiado tempo sen resolver”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario