venres, 4 de maio de 2018

Convocadas concentracións en apoio ao persoal de Xustiza en folga: 7 de maio diante edificios administrativos da Xunta

O luns día 7 de maio ás 11:00 h diante dos edificios administrativos da Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo


A CIG-Administración, xunto cos sindicatos de Xustiza que se manteñen no comité de folga, convoca concentracións do sector de autonómica para o vindeiro luns día 7 de maio, ás 11:00 horas, diante dos edificios administrativos da Coruña, Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, en solidariedade cos compañeiros e compañeiras de xustiza. Nas mobilizacións, que coinciden co día no que se cumprirán os 3 meses de folga -90 días-, demandarán da Xunta de Galiza a negociación final do seu acordo retributivo, para que se poña fin ao conflito.

O secretario nacional da CIG-Administración, Xabier Picón, responsabiliza ao Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, pola actitude “incendiaria” que mantivo desde que comezou este conflito. Nese sentido exixe que se sente a negociar na mesa e que “poña por diante os intereses da xente, fronte os intereses do seu partido”.

Picón lembra que “negociar non é unha opción, senón unha obriga”, tal e como se recolle no Lei de Emprego Público de Galiza. Por iso reitera que “se poña a negociar ou que dimita”.

Ademais demanda do vicepresidente da Xunta que “pare xa de tentar criminalizar ás persoas que exercen o seu dereito constitucional á folga” e asuma os resultados dunha votación que foi el mesmo quen promoveu.  Por iso afirma que “se quere buscar delincuentes, non ten máis que mirar para dentro do seu partido”.

O secretario nacional da CIG-Administración fai, por iso, un chamamento a sumarse a estas concentracións en solidariedade cos traballadores e traballadoras do sector da Xustiza que, afirma, “deron durante estes tres meses unha lección de dignidade e resistencia a toda a clase traballadora galega”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario