luns, 11 de xuño de 2018

SOS Sanidade Pública chama a mobilización contra a privatización e desmantelamento da Sanidade Pública

Convoca concentracións en distintas áreas sanitarias para este mércores día 13 de xuño ás 20:00 horas


A Plataforma SOS Sanidade Pública denunciou esta tarde, en rolda de prensa, a estratexia global para desmantelar e privatizar a sanidade pública de Núñez Feijóo e o seu goberno. Unha estratexia que pasa por poñer a sanidade pública galega en mans de empresas privadas multinacionais e para a que a consellaría de Sanidade pretende agora cambiar o modelo de concertación ampliando e consolidando a concertación de servizos asistenciais por un período de catro anos con empresas multinacionais que están desembarcando masivamente en Galiza atraídas polo negocio sanitario.

Por iso a plataforma chama a mobilizarse este mércores, día 13 de xuño, ás 20:00 horas, baixo o lema “Acabemos coa corrupción sanitaria do PP” en:

- A Mariña: diante do Hospital da Costa

- A Coruña: no Obelisco

- Santiago: Praza do Toural

- Barbanza: Praza do concello de Ribeira

- Pontevedra: na Peregrina

- Vigo: Fronte o Marco (Rúa Príncipe)

O portavoz da plataforma, Manuel Martín, explicou que xunto cos recortes emprendidos polo goberno de Feijóo á fronte da Xunta de Galiza puxéronse en marcha un conxunto de medidas destinadas a “favorecer a multinacionais e persoas afíns”. Medidas que supuxeron a desviación de cartos públicos que debían ter sido destinados a financiar a sanidade pública e que provocaron “un incremento da corrupción”.

Martín sinalou, a modo de exemplo, a privatización de recursos fundamentais para a xestión como a información, a historia clínica electrónica ou a cita previa, que se concesionou a Indra; a privatización do Laboratorio central de Galiza; a creación da área de corazón, que se adxudicou a MEDTRONIC ou a asignación do Centro Oncolóxico a Asociación española contra o Cancro, na que están Caixa Bank e Acciona, entre outras.

Isto supuxo, segundo o portavoz de SOS, que se trasladaran inxentes cantidades de cartos públicos a estas empresas que, subliñou, manexan datos sensíbeis de doentes que deberan ser confidenciais.


Privatización da investigación


Xunto a isto denunciou a posta en marcha de medidas de apoio a fundacións como a Ramón Domínguez, para xestionar a investigación biomédica, na que están multinacionais farmacéuticas ou do Clúster de Galiza, onde participa a industria alimentaria e empresas como Pescanova.

Sinalou tamén a participación de multinacionais farmacéuticas na Fundación Xenómica ou a xestión de recursos de alta tecnoloxía do novo hospital de Vigo por parte de Galaria (a antiga MEDTEC).

Ademais denunciou que “houbo unha serie de decisións dirixidas a trasladar ao sistema privado, sobre todo, a Investigación, o desenvolvemento e a formación do persoal” e chamou especialmente a atención sobre a derivación de cartos públicos a esas multinacionais farmacéuticas que “fan investigación que se proba no sistema público e que se sae ben logo patentan e venden esas empresas privadas”.


Concertos sanitarios ampliados a catro anos


Toda unha serie de cuestións que supoñen para SOS Sanidade Pública “unha penetración do sistema privado impresionante” que vén agravarse coas últimas medidas postas en marcha: a Reforma da Lei Galega de Saúde, que consolida un modelo que ningunea a Primaria, suprime áreas sanitarias e centraliza a planificación e xestión nos hospitais de referencia e o acordo marco polo que se reforzan os concertos sanitarios coa sanidade privada.

A este respecto Martín lembrou que, até o de agora, o papel dos centros privados tiña un carácter complementario e subsidiario e que con eles se concertaban patoloxías menores como cataratas ou varices co obxectivo de alixeirar as listas de espera.

Porén, denunciou que co novo modelo pásase a concertar con empresas privadas, por un período de catro anos actividades de consulta, cirurxía, probas diagnósticas e terapéuticas  e mesmo hemodiálise. Un transvase de actividade asistencial que ascende, no caso da Coruña, a un total de 97,5 millóns de euros, co agravante de que o persoal facultativo público deberá ir a estes centros privados.

Isto supón “a privatización da bata branca, que Feijóo dixo que nunca faría”  e enormes beneficios para o negocio de empresas sanitarias privadas como Quirón, HM Hospitais ou, no caso da Coruña, o Hospital San Rafael.

Unha situación que para SOS Sanidade Pública é inadmisíbel e pola que chamaron á poboación a mobilizarse contra o desmantelamento e privatización, a pasos axigantados, do sistema sanitario público, mais tamén contra a corrupción sanitaria do PP pagada co diñeiro de toda a cidadanía galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario