martes, 12 de febreiro de 2019

Información de Función Pública e resumo da Comisión de Persoal do 12/02/19

O martes 12 de febreiro asistimos a unha Comisión de Persoal na que se trataron os seguintes asuntos: concurso de traslados de gardacostas, proceso selectivo A1-escala superior estatísticos, modificación do decreto de listas, etc.

A maiores, en “rogos e preguntas” tratáronse outros asuntos de interese (concursos de traslados, procesos selectivos varios, etc).


CONCURSO DE TRASLADOS DE GARDACOSTAS

Función Pública avisara de que este sería o modelo a seguir por todos os demais concursos. E discrepamos en maior ou menos medida, entre outros, na valoración da antigüidade, dos méritos específicos, do grao, do traballo desenvolvido, da exclusión das escolas oficiais de idiomas como entidades formativas, da exclusión da titulación superior, etc. En definitiva, que Función Pública non recolleu nin unha soa das nosas alegacións.
Neste concurso non vai caducar a formación. Seguramente vai ser así nos seguintes concursos. Pero Función Pública mantén a súa intención de que dentro de un par de anos, os cursos caduquen aos dez anos. A CIG non está conforme.
As bases foron aprobadas co voto en contra de CIG, CCOO e UGT, e voto favorable de CSIF.

PROCESO SELECTIVO A1, ESCALA SUPERIOR ESTATÍSTICOS

O único cambio que se produciu durante toda a negociación foi que pasamos de 4 prazas de libre e 1 de promoción interna, a 3 de libre e 2 de promoción interna. O resto non mudou.
As nosas discrepancias con Función Pública son, en grandes liñas: non é concurso-oposición; a promoción interna non é separada do acceso libre; dos catro exercicios puntuables só o primeiro é obxectivo (tipo test); todos os exercicios puntúan igual e non aceptan darlle máis peso ao único exercicio obxectivo; non aceptan substituir temas por normas de dereito positivo ou polo menos comprometerse a que a EGAP elabore manuais cos contidos ou referencias bibliográficas, etc.
As bases foron aprobadas co voto en contra de todos os sindicatos.

MODIFICACIÓN DO DECRETO DE LISTAS

No artigo 4.3 engaden un novo apartado co seguinte contido:
e) Ser informada sobre a incorporación de novos entes instrumentais do sector público autonómico ao sistema de Xestión de listas regulado polo presente decreto.
O DXFP dixo que en marzo abrirían as categorías de Xerocultor/a e PSX para comezar a ir integrando ao persoal do Consorcio nas listas da Xunta.
Todos os sindicatos votamos en contra.

MODIFICACIÓN DA RPT DE POLÍTICA SOCIAL

Trátase da modificación dun único posto de traballo que figuraría inadecuadamente configurado na RPT como de corpos xerais. É o posto de subdirector/a xeral de proxectos e accesibilidade, vacante na actualidade, e que polas súas funcións, debería ser de corpos xerais e especiais. Polo visto é un erro que leva dous anos así e do que se acaban de dar conta.
CIG, CSIF e UGT abstivémonos. CCOO votou en contra.

PREGUNTAS E INFORMACIÓN DO DIRECTOR XERAL DE FUNCIÓN PÚBLICA

A GAIN publicará nas vindeiras semanas o I Premio de Empregados Públicos Innovadores.

Procesos selectivos
  • Opos. Admón. Xeral libre A1, A2, C2 e camareiro/limpador: primeiro exame en abril.
  • Promoción interna A1,A2,C1,C2: exame a principios de maio. Concretarán datas o antes posible.
  • Da escala de finanzas, tanto de libre como de PI, non concreta nada.
  • Promoción interna de bombeiros forestais: farase o antes posible, fala entre abril e maio.
  • Das convocatorias feitas, na semana que vén publicarán as listas definitivas de admitidos que están pendentes de publicación. O primeiro dos exames sería antes de agosto.
  • Neste mes de febreiro aprobarán as convocatorias das oposicións das escalas de Seguridade e Saúde no Traballo, Auxiliares de Enfermería, escalas do SPDCIF (Bombeiro Forestal, condutor de Motobomba e Emisorista/vixiante fixo), ordenanzas, estatísticos (A2) e letrados.
  • En marzo e abril, negociarán e aprobarán a convocatoria do resto de opos pendentes (veterinarios, escalas de Política Social e algunhas máis que non concreta). En virtude do acordo de simplificación de procesos selectivos, todos os postos da consolidación 2ª parte que coincidan con escalas e categorías existentes serán negociados e convocados tamén entre marzo e abril para ser convocados xunto coas prazas de estabilización e acceso libre.
Concursos de traslados
  • Administración Xeral: falta a RPT de Medio Rural, pero xa se poden ir “tramitando” as bases”. Para a semana que vén virá a negociación bases e baremos. Queren ter rematada a negociación de aquí a tres semanas.
  • Concurso traslados lei 17 (escalas sanitarias): vai con retraso. O DXFP non sabe a razón, preguntará a Sanidade. Posteriormente (mércores 13), recibimos correo da Dirección Xeral de Recursos Humanos no que nos informan de que o venres 15 publicarán no DOG a relación provisional de admitidos/as e excluídos/as.
  • Dos demáis concursos, nin unha palabra.
Outros asuntos
  • Promoción interna ao C1 do 2012: unha persoa aprobou o proceso por unha sentenza. A esta persoa adxudicouselle un posto de nivel 18 en Pontevedra, habendo 6 persoas que teñen posto en Pontevedra cunha nota superior a quenes se lles ofreceu postos de nivel 14. A CIG pregunta por que non se fixo un acto de elección de destino público, por que non se nos facilitou aos sindicatos os postos que se ían ofrecer, por que habendo un posto de nivel 18 non se lle ofreceu primeiro a quenes tiñan unha puntuación superior, porque non resolveron os recursos presentados polos afectados?. A resposta do DXFP foi que é unha praza “moi sensible” porque hai moita contratación e non se dá cuberto, quedou deserta nos anteriores concursos. A resolución foi feita de acordo coa demandante e non se podía anular a toma de posesión das outras persoas que aprobaron. Pero esta resposta do DXFP non é satisfactoria. Unha trapallada.
  • Elección de destino da escala de axentes do servizo de gardacostas (C1): queixámonos porque aos 20 aspirantes se lle ofertaran únicamente 20 postos. Sendo este un destino provisional non ten sentido que mentres non se resolva o concurso non se ofrezan todos os postos vacantes á espera de que se faga a adxudicación de destino definitivo simultaneamente coa resolución do concurso de traslados.
  • Consorcio:
    • Haberá comisión de seguimento nos vindeiros días. A RPT téñena lista, falan de 1.755 postos de traballo. Entre esta semana e a que vén podería vir a negociación.
    • Abrirán as listas de xerocultor/a e PSX en abril-maio.

Ningún comentario:

Publicar un comentario