martes, 12 de marzo de 2019

Por que non unha batería de preguntas tamén para a promoción interna do persoal funcionario?

Funcionarizacións e reclasificacións, deixando de lado a gran parte do persoal laboral e a todo o persoal funcionario. Por que reclasificacación dunhas categorías si e outras non? Por que non unha batería de preguntas tamén para o persoal funcionario?

CCOO, UGT e Xunta acaban de negociar un documento no que se regulan os criterios do proceso de funcionarización do persoal laboral. E sabémolo porque estes sindicatos fan resumos onde afirman que na comisión de seguimento do acordo de concertación tratáronse eses e outros temas, como as ofertas de emprego, o decreto de provisión, etc, ..

Este documento de funcionarización que nos envía a Xunta o luns 11, xa cociñado, para unha mesa xeral o próximo mércores 13, xa circulaba polas redes a semana pasada, porque representantes de CCOO e UGT compartírono en varios grupos de whatsapp, polo que moita xente puido velos.


A maiores, están a traballar cun documento onde aparece unha relación de categorías funcionarizables, das cales a moitas delas as reclasifican de grupo, coa súa correspondente equivalencia como persoal funcionario. Este documento si que tiveron a decencia de enviárnolo a nós.

Que pretenden facer? Queren finiquitar este asunto nunha Mesa Xeral sen explicacións nin negociacións previas de ningún tipo, tanto o documento de criterios de funcionarización como a equivalencia e reclasificación das categorías. Hai moitas preguntas que polo de agora nin CCOO, nin UGT, nin a Xunta responderon:
  1. Por que hai categorías que se funcionarizan e outras non?
  2. Por que unhas categorías se reclasifican nun grupo superior e outras non?
  3. Por que esas categorías de persoal laboral se reclasifican e os corpos e escalas de funcionarios/as non?
  4. Por que non se esmeran e propoñen unha promoción interna de persoal funcionario como fan coa funcionarización, cunha batería de 500 preguntas para o C2 ou 700 para o C1, previamente publicadas?
CCOO, UGT e a Xunta decidiron funcionarizar a uns postos si e a outros non, reclasificar a unhas categorías e outras non, e esquecer ao persoal funcionario. Un agravio para as persoas que non se funcionarizan, para os que non se reclasifican e para todo o persoal funcionario no seu conxunto.

Cales son os motivos? Queremos luz e taquígrafos e unha negociación transparente nas mesas de negociación e non unha reunión de colegas no despacho do director xeral de Función Pública.

Ningún comentario:

Publicar un comentario