mércores, 22 de maio de 2019

Publicadas as axudas para traballadores que se acollan á redución de xornada para o coidado de crianzas

A Secretaría das Mulleres da CIG informa que no DOG deste mércores, 22 de maio, sae publicada a convocatoria de axudas para as persoas traballadoras e as familias monoparentais que, entre o 1 de xullo de 2018 e o 30 de xuño de 2019, ambos incluídos, estean unha situación de redución da súa xornada laboral para o coidado das crianzas. Estas axudas teñen como obxecto a conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade. 



Poderán ser beneficiarias das axudas os homes e mulleres que no período comprendido entre o 1 de xullo de 2018 e o 30 de xuño de 2019, ambos incluídos, se acollan á medida de redución de xornada para o coidado dun fillo ou filla menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33%.

No caso de unidades familiares non monoparentais, poderán ser beneficiarios os homes que se acollan á redución de xornada e sexan traballadores por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario. No caso de unidades familiares monoparentais, poderá ser beneficiaria a persoa, home ou muller, que se acolla á redución de xornada nas condicións requiridas.

Familias monoparentais e adopción 

Para os efectos destas axudas, entenderase por familia monoparental o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas menores ao seu cargo. Así mesmo, poderán acollerse a esta axuda as persoas traballadoras que adopten unha persoa menor ou a teñan en situación de acollemento familiar, nas modalidades de acollemento familiar permanente ou acollemento familiar preadoptivo.

Para optar a estas axudas os ingresos da unidade familiar non poderán ser superiores a 7 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2018.

Período subvencionábel 

O período máximo subvencionábel, continuado ou fraccionado, será de oito meses. Para ter dereito á axuda deberá manterse a situación de redución de xornada durante un mínimo de 60 días naturais ininterrompidos. En ningún caso o período para o cal se solicita a subvención poderá coincidir co permiso por maternidade nin con calquera outro permiso, licenza ou excedencia para a mesma finalidade da persoa solicitante ou do seu cónxuxe ou parella.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal)

Ningún comentario:

Publicar un comentario