venres, 28 de xuño de 2024

A CIG aposta por tribunais de selección democráticos e non dactilares

 

Dende o primeiro momento da súa creación a Xunta de Galiza impuxo o sistema de que os tribunais se decidían dende arriba, e por moito que se criticou o sistema por sindicatos e persoal opositor, nunca se puido eliminar este proceder.

E se hai vontade política pódese facer, e seguramente funcione moito mellor que as persoas designadas a dedo dende a Dirección Xeral de Emprego Publico e Administración de Persoal, si se mudan por persoal voluntario.

De feito a Academia Galega de Seguridade Publica xa está a facer algo parecido, elaborando unha listaxe de persoas funcionarias voluntarias aspirantes a ser propostas como membros dos tribunais. Véxase na recente resolución publicada no DOG do 26/06/2024 pola que se fan públicas as relacións provisionais de persoas admitidas e excluídas para a formación das listaxes de persoal funcionario aspirante a ser proposto como membros voluntarios dos tribunais.

martes, 25 de xuño de 2024

A CIG recorre en reposición as listaxes de postos dos concursos de traslados de corpos xerais e especiais

 

Dende a CIG presentamos sendos recursos de reposición diante da publicación das convocatorias de concursos de traslados dos corpos xerais e corpos especiais publicados neste primeiro semestre do presente ano. Nas dúas convocatorias non se publican todas as prazas vacantes existentes, por exemplo, no caso dos corpos xerais son darredor de 180 prazas as vacantes que non saen no concurso de traslados sen darnos ningún tipo de explicación ao respecto.

En ningún dos dous procesos se convocan todas as prazas vacantes existentes e se a isto engadimos as que se atopan bloqueadas pola situación totalmente anómala e irregular das prazas de CONCURSO ESPECÍFICO (lembremos que estas prazas están cubertas en fraude de lei, mediante comisións de servizos eternas), a situación aínda é pior.

Cómpre falar tamén das prazas sobre as que existe reserva de praza, das cales sería un exercicio de transparecencia e bo facer, que se nos facilitase a información das causas que motivan tales reservas de praza.

Evidentemente son concursos de traslados deturpados, porque unha cousa é a potestade da Administración galega de organizar os seus servizos, e outra que as persoas empregadas públicas non teñamos dereito a mobilidade ao substraer unha inxente cantidade de postos destes concursos

Moito máis sangrante é a situación das escalas de corpos especiais xa que as convocatorias dos concursos de traslados levan sen convocar moitos máis anos.

martes, 18 de xuño de 2024

Se non sabes, pregunta

 

Sra. directora xeral de Emprego Público:

certo é que non levas moito tempo no cargo, pero deberías ser consciente que hai miles de persoas esperando que lles confirmes SE O 14 DE DECEMBRO VANSE CELEBRAR OU NON os exames da promoción interna de corpos xerais.

E se chegas á mesa xeral sen documentarte non vale que nos digas que ignoras si había un calendario de exames colgado ou non da páxina de Función Pública. Se non sabes pregúntalle a Rueda que o anunciou despois dun Consello da Xunta de Galiza.

Pero é que ademais, como podes supoñer, sra. Directora, o que lle interesa ao persoal non é si estivo, está ou estará un calendario, senón que ti CONFIRMES OU NON se os exames vanse celebrar nesas datas.

E se na reunión da mesa xeral non podes aportar datos o que terías que facer é ao día seguinte confirmar a suspensión dos exames ou o seu mantemento, porque non facelo é rirse do persoal que está organizando a súa vida, pagando academias, detraendo horas da vida familiar para o estudo e facendo grandes esforzos para mellorar a súa situación profesional.

E se non sabes, pregunta.

EGAP: convocatoria de actividades de formación continua

 

No DOG do 14/06/2024 a EGAP publica a RESOLUCIÓN do 4 de xuño de 2024 pola que se convocan as actividades de formación continua para o persoal ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma.

Convocan as actividades de formación continua correspondentes ao segundo semestre do ano 2024 para o persoal ao servizo da Administración xeral autonómica de Galiza, da Administración institucional e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico enunciadas na letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galiza que se detallan nos anexos desta resolución.

O prazo de presentación de solicitudes principiará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galiza e rematará o día 25 de xuño de 2024.

O número máximo de cursos que se poden solicitar durante o prazo de presentación de solicitudes limítase a tres.