luns, 21 de outubro de 2024

As mesas de «negociación» coa Xunta: o maior espectáculo do mundo. Pasen e entretéñanse!


MESA PREVIA E MESA XERAL DE EMPREGADAS PÚBLICAS DO 15/10/2024. COMISIÓN DE PERSOAL E MESA XERAL DE EMPREGADAS PÚBLICAS DO 16/10/2024

Señoras, señores, pasen e vexan! O maior espectáculo do mundo… está en San Caetano e é de balde, aínda que de entretido ten ben pouco… 

Nun novo alarde de hipocresía e desvergoña inadmisíbeis, propios de sistemas de ultradereita, que dinamitan calquera posibilidade de albiscar ese fenómeno estraño que, para eles e elas, é a BOA FE NEGOCIAL, dende a Dirección Xeral de Emprego Público convócasenos a un maratón de mesas de «negociación» onde o eixo central, como ben di o seu nome, é supostamente a NEGOCIACIÓN, neste caso a «negociación» nin máis nin menos que do Anteproxecto da Lei de medidas (materia de persoal) e da Lei de orzamentos para 2025.

Pois nada máis lonxe da realidade, porque a NEGOCIACIÓN desaparece debaixo da chisteira da directora-maga xeral de Emprego Público dende o minuto un, non vaia a ser que os e as representantes do persoal poidamos cumprir coa nosa misión e facer o noso traballo. 

O modus operandi do espectáculo é rudimentario, pero efectivo para o PARIPÉ NEGOCIAL, cuxos pasos saben ao dedillo:

1) Enviar a documentación por email aos sindicatos instantes antes do comezo das xuntazas para impedir ao máximo a posibilidade de que os e as representantes das traballadoras e dos traballadores poidamos ler, valorar e estudar as propostas.

2) Unha vez se inicia a xuntanza dicir, sen inmutarse, que houbo moitas dificultades para conseguir ter a documentación lista a tempo e poder enviárnola cun mínimo de 48 horas de antelación, e por iso nola envían minutos antes de comezar a xuntanza. 

3) Para suavizar o ambiente, o seguinte paso é —se cadra— pronunciar un breve discurso de desculpas, o cal volve repetir en cada ocasión o cargo que intervén na mesa.

Así actúan estes mandamáis que se excusan, sen o máis mínimo rubor, por non saber planificar e facer correctamente o seu traballo ou, máis ben, por tentar disimular a súa estratexia de non cumprir coas súas obrigas, mentres seguen a cobrar as súas avultadas nóminas, fagan o que fagan.

4) Acto seguido, o seu é comezar o numeriño central: ler a toda présa o resumo que teñen preparado sobre as propostas contidas na documentación; propostas que ningún dos sindicatos puidemos chegar a ler.

5) Preguntarnos aos sindicatos se temos algo que engadir… sobre toda esa información á que non tivemos acceso.

6) Dar por rematada a función circense coa APROBACIÓN DE TODAS AS PROPOSTAS NON NEGOCIADAS CO VOTO EN CONTRA DE TODAS AS CENTRAIS SINDICAIS. 

Señoras e señores de Emprego Público: o seu numeriño de «maxia» está moi visto xa, e o truco do PARIPÉ NEGOCIAL, ademais de incumprir os mandatos legais,  indigna moito ao persoal. 

Na CIG non estamos para asistir como meros e meras espectadores/as ao seu circo, nin para escoitar estoicamente cando e onde a vostedes lles pete os seus longos e soporíferos espectáculos. 

Cumpran coas normas, coa BOA FE NEGOCIAL e coas súas responsabilidades, ou váianse co seu espectáculo a outra parte!!!!

 Fonte

Ningún comentario:

Publicar un comentario