venres, 25 de outubro de 2024

As novidades que nos trae a Lei de Orzamentos en material de persoal para 2025

O que diga o Goberno central e, se lles dá a gana, convocan o grao II ordinario e III extraordinario da carreira profesional (e a ver con que requisitos). A realidade é que cando chegue o 1 de xaneiro de 2025 subirán os prezos de todo e o noso salario ficará igual que no 2024.

E nada de recuperar os dereitos perdidos na lei de medidas do 2012 (aquela que ía ser temporal): fondo de acción social, 9 días moscosos de base, artigo 19 do convenio colectivo... E tampouco nada de solicitarlle ao Goberno central que elimine o recorte das pagas extras de 2011: as nosas pagas extras querémolas completas!

Imposición colectiva

Explicamos como vai esto para que leva pouco tempo na Xunta de Galiza ou descoñece como funcionan as cuestións retributivas. O alto cargo que lle toque representar a nosa empresa envía aos sindicatos un tocho de documentación con un ou dous días de antelación (cando hai sorte) e na reunión explicativa trata de vendernos motos, ben sexan recortes ou aumentos ridículos. 

A pesar de que o leva a un órgano que se chama MESA XERAL DE NEGOCIACIÓN DO EMPREGO PÚBLICO, non hai negociación absolutamente de nada e resulta bastante evidente porque nin hai tempo a presentar propostas escritas pola parte social e as que se fan de palabra ese mesmo día se rexeitan todas de plano. Non sería a primeira vez que remata algo no xulgado por salterse no fondo o artigo 37 do EBEP.


O detalle das posíbeis migallas


O director xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico expuxo na Mesa Xeral de Empregadas Públicas a materia relativa ao persoal incluída no Anteproxecto de Lei de orzamentos para 2025

O director xeral aclarou que o comezo do orzamento data de xullo de 2024 coa aprobación do teito de gasto, o cal contempla un incremento dos recursos públicos dun 3.2%. 

Outra información que facilitou foi que as previsións de incrementos salariais van estar incluídas nun fondo retributivo, no art. 18 dentro da Lei de orzamentos, para poder facer fronte aos posíbeis incrementos derivados das medidas salariais. A disposición adicional 8ª é a que habilita ao pagamento unha vez autorizado. Prevé que no mes seguinte se fará efectivo o cumprimento da disposición, nos mesmos termos que o ano 2024.

Tamén enumerou moi brevemente as principais medidas para 2025 en materia de persoal contempladas nos orzamentos, dando varias porcentaxes e cifras de gasto en relación coas medidas máis destacadas:

PRINCIPAIS MEDIDAS ESTABLECIDAS NOS ORZAMENTOS PARA 2025

1 PERSOAL EMPREGADO PÚBLICO DA ADMINISTRACIÓN XERAL DA XUNTA

  • ACORDO MARCO PARA A ADMINISTRACIÓN DO S. XXI
  • Finalizaba en 2024, ao establecer unha parte variábel nas retribucións condicionada ao cumprimento de que o IPC no período 2022-24, de forma acumulada, superara o incremento salarial fixo
  • Establecía un incremento do 0.5%, a aplicar en 2025, con efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro de 2024
  • As previsións de incremento salarial van estar incluídas no art. 18 da Lei de orzamentos.
  • GRAOS II E III DA CARREIRA PROFESIONAL/COMPLEMENTO DE DESEMPEÑO 
  • Custo total de 11M€ 
  • No 2025 confírmase o incremento do segundo tramo de carreira (66% do grao II), e está previsto o recoñecemento do grao III da carreira. 

 2 ÁMBITO SANITARIO

  • APLICACIÓN DO ACORDO DA MESA SECTORIAL DO 20 DE ABRIL 
  • Custo total de 18M€
  • Redución progresiva das horas de traballo
  • Creación de 523 novas prazas
  • PLAN DE ESTABILIZACIÓN DO PERSOAL
  • Custo total de 28M€
  • Incremento de prazas de formación: creación nos últimos 5 anos de 623 prazas MIR e EIR 
  • Posta en funcionamento do centro de protonterapia 

3 ÁMBITO DOS SERVIZOS SOCIAIS

  • IMPLANTACIÓN DO PLAN DE REFORZO DOS EQUIPOS DE VALORACIÓN E ORIENTACIÓN - EVOS
  • APLICACIÓN DO ACORDO DAS CONDICIÓNS DE TRABALLO DO PERSOAL DOS CENTROS PROPIOS DA CONSELLARÍA DE POLÍTICA SOCIAL
  • Compensacións por traballos en domingos e festivos
  • CREACIÓN NO CONSORCIO DE 33 NOVAS PRAZAS

4 ÁMBITO EDUCATIVO

  • APLICACIÓN DO ACORDO DA CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN COAS PRINCIPAIS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS DE 12 DE OUTUBRO DE 2023
  • Actualización de complementos retributivos
  • Creación de 83 novos postos como consecuencia do Plan Mega

5 ÁMBITO DE XUSTIZA

  •  CUSTOS DERIVADOS DO RECOÑECEMENTO DA CARREIRA PROFESIONAL

6 CONSELLARÍA DO MEDIO AMBIENTE

  • ESTABILIZACIÓN DE PARTE DO PERSOAL QUE ATÉ AGORA ESTABA TRABALLANDO NO PLAN EÓLICO
  •  Consolidación do 15% deste persoal como parte da estrutura 

7 CONSELLARÍA DO MEDIO RURAL

  • ACORDO DAS CONDICIÓNS DO PERSOAL DO SPIF
  • Compensacións por traballar en domingos e festivos
  • ACORDO DO PERSOAL FIXO DESCONTÍNUO
  • Incremento do período de contratación de 6 a 9 meses
  • En 2024 pasa a 7 meses
  • En 2025 para a  8 meses

Dende a CIG presentamos unha enérxica queixa, dado que consideramos totalmente inaceptábel a mala fe negocial amosada por Emprego Público, dado que non puidemos ver a documentación da xuntanza, por sernos facilitada por email pouco antes do comezo da reunión. 

Imos formular as nosas alegacións por escrito, e tomar as medidas que consideremos oportunas ante a AUSENCIA DE NEGOCIACIÓN COLECTIVA E DE BOA FE NEGOCIAL.


Fonte

Ningún comentario:

Publicar un comentario