luns, 11 de novembro de 2024

CIG-Administración convocará mobilizacións para denunciar “a conxelación salarial” nos orzamentos do Estado e da Xunta

A CIG-Administración convocará mobilizacións contra os orzamentos do Estado e da Xunta de Galiza para o ano 2025, coincidindo co debate da Lei de Orzamentos. Denuncia que este ano remata o acordo marco para unha administración do século XXI, sen acadar o seu obxectivo porque “aumentou a perda de poder adquisitivo do persoal empregado público e non derrogou a lexislación que impuxo os recortes”. Por iso considera un acto de “hipocrisía” que CSIF anuncie agora protestas cando “é cómplice desta situación como asinante de todos os acordos que levaron a esta situación”.

Así o explica o secretario nacional da CIG-Administración, Luís Carballo, que considera que a demanda do CSIF dunha suba salarial igual ao IPC de 2024 “é o mesmo que pedir a conxelación salarial”, porque iso non permitiría achegarse, sequera, ao poder adquisitivo perdido ao longo destes anos.

Fronte a isto exixe un novo acordo que “deteña esta perda, que entre os anos 2010 e 2022 foi do 18,64%, e permita recuperar realmente os dereitos arrebatados ao persoal da administración pública”. Entre outras propostas, a incluír nese novo acordo,  apunta a aplicación dunha cláusula de garantía salarial ligada ao IPC e blindada por lei”, xunto a un incremento do 5% para 2025.

“A cláusula de garantía salarial debe ir ligada a acordos salariais anuais ou plurianuais para evitar a conxelación salarial e así gañar poder adquisitivo”, explica Carballo, quen incide en que a CIG exixe tamén que estes acordos “se negocien onde corresponde, que é no ámbito da Mesa Xeral do persoal público, onde temos presenza os sindicatos máis representativos, para evitar o sometemento das centrais sindicais estatais  ao Goberno do Estado, que foi o que nos levou a esta situación”.

Xunto a isto lembra que “todos os acordos ratificados até o de agora son froito do diálogo social entre os sucesivos gobernos, CCOO, UGT e CSIF” saltándose o ámbito de negociación legalmente recoñecido e onde, ademais da CIG, tamén está ELA.

A CIG-Administración demanda, ademais o establecemento dunha xornada laboral de 35 horas en 2025 e de 32 horas para 2026; a creación dunha mesa xeral de negociación da Administración Xeral do Estado en Galiza, para regulamentar condicións específicas para o noso país e un complemento específico polo uso do galego nas administracións. Propostas, todas estas, que foron trasladadas tanto a Ministerio de Función Pública como á Secretaría de Estado para ser abordadas nunha Mesa Xeral convocada ao efecto.

Eliminación da taxa de reposición

A CIG-Administración vén denunciando desde hai anos as consecuencias da imposición dunha taxa de reposición, que se mantén, nas administracións públicas. Por iso, a secretaria de Organización, Ana Santomé, exixe a súa supresión con efectos xa para as OPEs que se aproben en 2024 e afea aos sindicatos estatais, UGT, CCOO e CSIF que apoiaran o seu mantemento nos distintos acordos que ratificaron, polas graves consecuencias que isto tivo para a calidade e atención dos servizos públicos.

En materia de xubilación, Santomé traslada a preocupación da CIG-Administración polas conclusións do documento “Consenso por unha administración aberta” de Función Pública, onde “mediante unha política reformista, proponse eliminar a xubilación forzosa e prolongar a idade de xubilación con carácter voluntario aos 72 anos baixo pretexto da retención do talento”.

Entende que é unha medida contraditoria coa intención do goberno coa intención do goberno de recuperar a posibilidade da xubilación parcial para o persoal empregado público e manifesta a oposición da CIG. “O que nós propomos é recuperar a xubilación parcial coa posibilidade de facelo aos 61 anos dentro do Réxime Xeral”.

Análise da situación e propostas Administración

Medidas Administración

Ningún comentario:

Publicar un comentario