venres, 11 de xullo de 2025

Concursos de traslados


Asistimos á Mesa Sectorial de Negociación de Persoal Funcionario do 10/07/25, onde a directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) facilitou a seguinte información relativa aos concursos de traslados.

ESCALAS DO SERVIZO DE GARDACOSTAS

A adxudicación de postos será publicada no DOG do 14 de xullo. A información xa está dispoñible no web de Función Pública. As datas de cese e toma de posesión serán nunha resolución posterior, coincidindo coas tomas de posesión definitiva dos procesos selectivos.

ENXEÑARÍAS-ARQUITECTURAS-CIENCIAS

A adxudicación de postos será publicada no DOG do 11 de xullo.

Neste concurso detectamos tres postos que foron ofertados como vacantes para a primeira fase, e que desapareceron da adxudicación. Son:

  • MAC040000336560006 Parque Nacional Illas Atlánticas A1 Enxeñeiros de Montes.
  • MRO191000036001060 Xefatura de Sección FOGGA A1/A2 enxeñeiros agrónomos/enxeñeiros técnicos agrícolas.
  • MRC030000115770014 xefatura de sección Dirección Xeral de Defensa do Monte. A1/A2. enxeñeiros de montes/enxeñeiros técnicos forestais.
  • Facilitamos os códigos á DXEP e reclamamos que nos digan: 1) se existen máis postos desaparecidos, 2) unha explicación individualizada de cada un deles. A resposta da DXEP é que recibiron auto xudicial de medidas cautelares que ordena a retirada de dos dous postos do concurso. Do terceiro di que investigará e informará. Insistimos en demandar información individualiza de todos os postos retirados.

A publicación das resolucións de elección de destino (procesos selectivos) será progresiva por escalas, porque teñen problemas cos postos, especialmente nas enxeñarías, pola existencia de postos con requisito de doutoramento (por cada posto con ese requisito teñen que ofertar outro), e a medida que queden vacantes quedan dispoñibles para outras escalas (postos abertos a varios subgrupos ou escalas), polo que farán unha publicación progresiva das eleccións de destino. Comezarán por A1-montes, despois irán A2-forestal e o resto de enxeñarías, ciencias e arquitecturas. Queren evitar que os A1 escollan todas as prazas A1/A2 de xeito que non quedan prazas para A2, e tamén que quedarían prazas A1 sen adxudicar, así que se se da esta circunstancia limitarán as prazas de A1/A2 que ofertan a A1. Tendo en conta que hai localidades en que é moi limitado o número de postos, CIG advirte que isto pode ir en contra dos intereses de quen queira coller un posto nunha localidade con poucas opcións. A DXEP apunta que tentarán facer as cousas dun xeito equilibrado para evitar esas situacións.

As datas de cese e toma de posesión serán nunha resolución posterior, coincidindo coas tomas de posesión definitiva dos procesos selectivos.

ESCALAS DE ESCOLAS MARÍTIMO-PESQUEIRAS E AXENTES DE EXTENSIÓN PESQUEIRA

Publicarán o baremo provisional no DOG do 14 de xullo.

VETERINARIOS/AS

Convocado no DOG do 09/07/25.

MANTEMENTO, LABORATORIO, COCIÑA, CONDUCIÓN, RRNN, LIMPEZA, SUBALTERNOS

Publicarán a convocatoria no DOG do 16 de xullo.

CONCURSO DE FACULTATIVOS/AS DE ESCALAS SOCIAIS

No DOG do 10/07/25 publican a corrección en RPT dos postos da escala de educadores/as. Con isto, o concurso xa está listo para a súa publicación en DOG, que será na segunda quincena de xullo (pendente da dispoñibilidade en DOG).

ACREDITACIÓN DE MÉRITOS NO FIDES

Debido ás limitacións de recursos para xestionar o fides, limitaranse a xestionar a acreditación dos méritos das persoas que se inscriban nun concurso de traslados.

En primeiro lugar, para estas persoas inscritas, antes de abrir o prazo de acreditación de méritos e selección de postos, validarán os méritos que xa están no fides pero en estado de pendente de validación. A continuación, unha vez que se abra o prazo para aportar novos méritos, procederán cos novos méritos alegados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario