Por moito que se faga coincidir o ingreso das nóminas co día da lotería de Nadal, non nos fan esquecer que esta xa é a 6º paga extraordinaria na que non cobramos o complemento específico (ou equivalente para persoal laboral). E polos Orzamentos aprobados onte, aínda seguiremos así todo o 2016 se non lle pomos remedio.
Con esta medida o goberno galego obten uns "ingresos" de 200 millóns ao ano e claro, a base de non pagarnos é sinxelo andar a cumprir cos obxectivos macroeconómicos. Porque o que non entendemos é tanto presumir de ser os primeiros en cumpir cos obxectivos de déficit pero logo nada de ser os primeiros en recuperar dereitos. É un insulto que nos traten como persoal público de 2ª ao ser os únicos traballadores e traballadoras públicas con este recorte sobre as nosas costas.
Na confección dos Orzamentos para o 2015 dixeran que recuperaríamos un terzo do complemento específico no 2016, outro terzo en 2017 e finalmente no 2018 cobraríamos de novo os complementos específicos nas extras. Na confección dos Orzamentos para 2016 din que recuperaremos a totalidade dos específicos nas extras para 2017. Sempre prometendo un ano por diante do diñeiro que poñen nos orzamentos e logo incumprindo. No 2016 hai eleccións. Poderemos crerlles algo?
Durou poucos anos o espellismo das pagas extras completas, desde o 2006 ata medidados de 2010 co recorte do 5% de Zapatero. Daquela, para o persoal funcionario o recorte fixérase máis ou menos progresivo e impactara tamén nos conceptos de soldo e trienios das pagas extras. Deste xeito, desde xuño de 2010 ata xuño de 2012 cobramos as pagas extras cun soldo e trienios inferiores aos das pagas ordinarias. En decembro de 2012 non houbo paga extra.
E despois de todo isto, aínda temos que aguantar o cachondeo do troceo da extra de 2012, a opinión pública a que contribúen os medios de comunicación e as continúas notas de prensa da Xunta que parece que nos devolveran extras todos os días, ou o feito de que sigan negándose a devolvernos o que recortaron con efectos retroactivos: un terzo do complemento específico da paga de xuño de 2013.
Novas relacionadas:
Ningún comentario:
Publicar un comentario