Son xa tres as sentenzas que lle recoñecen ao persoal funcionario dos servizos centrais da Xunta de Galiza o dereito a cobrar íntegros os dous complementos específicos das pagas extras de 2013. A última sentenza, e primeira deste ano, recaída nos Xulgados do Contencioso de Compostela, o 21 de xaneiro, recoñece o dereito a cobrar 921,54€ máis xuros de demora e condena a 400€ en costas á Xunta de Galiza. A sentenza é firme e non cabe recurso.
No ano 2013, o goberno de Feijoo decidiu recortar o complemento específico (ou concepto equivalente para o persoal laboral) nas dúas pagas extras de todo o seu persoal pasando a ser Galiza unha das escasas comunidades nas que se aplicou un recorte adicional. Recorte que continúa hoxe en día e que continúa na Lei de Orzamentos deste ano, medida co que aproximadamente están a quitarnos uns 200 millóns de euros por ano.
Nestas tres sentenzas fica como novidade que ao existir silencio na reclamación salarial en vía administrativa, a Xustiza recoñece que o sentido deste é positivo e polo tanto estima na súa totalidade a reclamación da persoa traballadora. A pesar de todo, nas sentenzas nas que non haxa silencio na reclamación administrativa, a Xustiza recoñece con carácter xeral a reclamación subsidiaria do terzo do complemento específico de xuño, ou sexa, a parte devindicada en xaneiro e febreiro ata que entrou en vigor a Lei de orzamentos galega dese ano.
Cómpre recordar que se pide a totalidade dos dous complementos específicos nas dúas pagas extras de 2013 en base a que o EBEP recoñece que as pagas extras se establecen con carácter básico e polo tanto non se poden recortar estas cunha lei autonómica, un argumento que xa levou a un tribunal de Castela A Mancha a promover unha cuestión de inconstitucionalidade.
Para o persoal laboral a reclamación fíxose en vía de conflito colectivo e resolveuse no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza en termos similares pero non é firme e está recorrida pola Xunta co obxecto de atrasar todo o que poida o inevitábel.
A Xunta leva desoíndo as nosas advertencias da ilegalidade das súas actuacións en canto a reclamación subsidiaria. Tamén ignora a nosa demanda lexítima da devolución destes complementos a todo o persoal afectado polo recorte. É plenamente consciente do seu comportamento pero xoga co efecto numérico das demandas xudiciais. Estas actuacións implican uns custos e saturación da vía xudicial aos que lle da igual facer fronte á Administración autonómica porque non sae do peto dos seus responsables políticos.
Novas relacionadas:
- A CIG gaña unha sentenza máis que obriga a Xunta a pagar a parte devengada da paga extra do ano 2013
Ningún comentario:
Publicar un comentario