xoves, 3 de novembro de 2016

Persoal da Xunta está sendo obrigado a prestar servizos para empresas privadas de cátering escolar

CIG-Administración denuncia que a Xunta podería estar incorrendo nunha cesión ilegal de traballadores/as


CIG-Administración Autonómica da Coruña alerta da situación na que se atopa determinado persoal laboral da Xunta do colectivo de auxiliares coidadoras/es, que están sendo obrigadas/os a prestar os seus servizos nos comedores  escolares xestionados por entidades privadas “sen ánimo de lucro”.

Unha circunstancia que pode constituír unha cesión ilegal de traballadores/as, xa que se trata de persoal contratado pola administración pública para o coidado de alumnos/as con necesidades especiais de apoio educativo, pero que está realizando servizos para estas empresas privadas.

Estas situacións prodúcense nos centros públicos de Infantil e Primaria que dispoñen de espazo físico para habilitar un comedor e cuxo servizo está subcontratado a empresas privadas de restauración. As contratacións non son asinadas pola administración educativa, senón que están subscritas entre as empresas e as asociacións de nais e pais de alumnas/os (ANPA).

"Na maioría dos casos, por non dicir en todos os coñecidos até agora, o persoal auxiliar coidador presta os seus servizos baixo as directrices de superiores que nada teñen que ver coa dirección do centro ou coa súa relación contractual, provocándose situacións de roce entre o propio persoal do servizo de cátering e o persoal da Xunta", explica a responsábel do sector de Autonómica da CIG-Administración da Coruña.

Hai que ter en conta que a relación contractual destas empresas de cátering coas ANPAs implica que será a propia empresa quen teña que achegar  tanto os recursos materiais como persoais para a atención das/dos distintas/os usuarias/os do servizo de comedor. "Non queremos pensar que está practica supón un encubrimento para a non atención de nenas/os con necesidades específicas de apoio educativo dos cales se fan cargo, conxuntamente co profesorado, as/os auxiliares coidadoras/es en horario lectivo".

Neste senso, a propia lexislación estabelece que "as entidades privadas sen ánimo de lucro xestoras dos comedores escolares, mediante as distintas modalidades, organizarán e prestarán de xeito exclusivo os labores de atención e coidado do alumnado nos comedores, mediante os seus propios medios persoais ou recorrendo á contratación con empresarios e empresas especializadas.”

Por todo isto, enténdese a existencia dunha cesión ilegal de traballadoras/es da Xunta de Galiza cara ditas empresas privadas "coa conivencia da Administración Pública (e mesmo dalgunha dirección dalgún centro educativo), sometendo desta maneira a dito persoal coidador aos criterios da empresa privada".

A CIG xa ten posto en coñecemento da Inspección de Educación estas situacións e estuda iniciar as accións legais oportunas.

4 comentarios:

  1. Non só está pasando nos Comedores, tamén se está reproducindo a mesma situación co transporte escolar. Tamén se vulnera REAL DECRETO 443/2001, de 27 de abril, sobre condiciones de seguridad en el trans- porte escolar y de menores, artigo 8. Así como os distintos manuais elaborados tanto pola Conselleria de Educación como por a propia federación de transporte. Desoindo, inclusive, as recomendacións puntuais da inconveniencia de ese Coidador para o normal desenvolvemento do alumno, tanto por parte da familia como da comunidade educativa.
    Descoñezo o que poden agochar todas estas " colaboracións " a empresas privadas co personal da Xunta, mais non parece moi legal.

    ResponderEliminar
  2. Isto xa foi pele3xado acó tamén no seu momento, hai que denunciar todas esas situacións, precisamente por ilegais, xa saberedes: Inspección de Traballo, e coa Asesoría Xurídica correspondente ao xulgado do social.
    Isto do que falan as compañeiras coidadoras da Coruña e unha nova batalla que tamén a ten denunciado unha compa da Coruña en maxistratura e agardando polo xuízo polo que entendemos coma "cesión ilegal de traballadoras" da Xunts coidadoras (e non son poucas)a a unha empresa privada, descaradamente, e ocorríu que nalgúns centros de ensino a situación xa é insostibel, de aí, unhas coantas coidadoras puxéronse de acordo pra denunciar na prensa e non sei se tamén máis dunha na Inspección de traballo pra iren ao xulgado...

    ResponderEliminar
  3. Pareceme inxusto,humillante, vexatorio,totalitario,dictatorial, que quen quería que sexa poña a disposición de outro o traballo de unha persoa

    ResponderEliminar
  4. Persoalmente penso que, este tema, deberia ser abordado de maneira sindical, como un tema de aleguidade, que afecta a todo un colectivo de un e outro signo, a nivel Comité, etc. de xeito que sexa norma. Ao plantexalo individual e xudicialmente implica a permisividade por un longo espacio de tempo.

    ResponderEliminar