xoves, 18 de maio de 2017

Onde están os 9 millóns de euros de formación para o emprego?

A CIG concéntrase en San Caetano para denunciar a nefasta política da Xunta de Galiza en materia de formación para o emprego e exixe que se aclare o que fixo cos 9 millóns de euros das convocatorias que se saltaron


Cunha concentración diante da consellaría de Economía, Industria e Emprego a CIG denunciou, esta mañá, as “nefastas” políticas en materia de formación para o emprego tanto para traballadoras/es ocupadas/os como desempregadas/os. 

En concreto, denunciou que se saltaron as convocatorias de formación continua para traballadoras e traballadores ocupados dos períodos 2015-2016, 2016-2017, e exixiu que se aclarara o que se fixo cos preto de 9 millóns de euros correspondentes a de cada unha delas.

O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, acusou á Xunta de Galiza de “vivir das puras apariencias e da propaganda” porque fronte ás grandes declaracións do conselleiro respecto da importancia da formación profesional para cualificar man de obra e adaptar a traballadoras e traballadores ás novas tecnoloxías, saltáronse dúas convocatorias de formación continua para xente ocupada.

Seixo considerou que “é realmente gravísimo” e propio dunha “república bananera” actuar con este “grao de incompetencia” e exixiu explicacións respecto das partidas de preto de 9 millóns de euros transferidas do Estado á Xunta de Galiza para cada unha desas convocatorias.

Sinalou que se trata de fondos destinados á formación de libre concorrencia, aos que poden optar todas as entidades privadas ou sindicais que queiran impartir accións formativas.

“Queremos saber que fixeron con eses cartos, porque son partidas finalistas que só se poden destinar a formación profesional e non sabemos o que se fixo con eses recursos”, dixo, porque “en teoría, os de 2015 tiñan de prazo até o 1 de marzo deste mes para executalos e, se non prevaricaron, tiñan que ter devolto preto de 9 millóns de euros que perdería a clase traballadora galega para a formación”.



Dificultades para impartir formación

Xunto a isto considerou “altamente preocupante” que, tal e como está regulado todo o relativo á imputación dos cartos, “é case imposíbel” realizar a formación profesional para o emprego. Neste sentido sinalou que mesmo varias entidades privadas que imparten formación veñen de constituír unha mesa en defensa da formación profesional para o emprego recoñecendo que tal e como está articulado agora mesmo “é ruinoso” e “insostíbel”.

O secretario xeral da CIG lembrou ademais que das fundacións que tiñan constituídas as organizacións sindicais para impartir formación, só a CIG mantén a súa “poñendo cartos das cotas dos nosos afiliados e afiliadas, porque se dependeramos dos recursos que dá a Xunta, teriamos que ter pechado”.

Discriminación á CIG

Seixo denunciou tamén a política de discriminación que segue a Xunta de Galiza con respecto á CIG. Unha discriminación que levou á central sindical a iniciar máis de 33 procesos xudiciais, dos que ten gañadas xa varias demandas no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

Sinalou que esa discriminación é patente no que ten que ver cos procesos de xustificación. “Unha vez impartida e pechada a formación e dado todo o que é o proceso, a Xunta de Galiza tende a retrasarnos enormemente a liquidación e mesmo chega despois a non liquidarnos todo o que nos debe”.

Considerou que se trata dun intento de “permanente ataque” á central sindical porque “non somos do gusto do PP, pero imos seguir sen ser do seu gusto, porque imos continuar facendo a política que nós entendemos que temos que facer para defender á clase traballadora. Somos xente afeita a pelexarnos todos os días e se por esa vía pretenden desgastarnos é mellor que abandonen e busquen outra”.

Cuestionou ademais o camiño cara onde quere levar a Xunta de Galiza a formación con este modelo que a fai “inviábel” e alertou do intento do PP de aproveitar as fraudes que se deron nesta materia, “que cometeron fundamentalmente as entidades empresariais amigas do PP”.

A ese respecto denunciou que “están aproveitando iso para intentar deixarnos fóra ás entidades sen ánimo de lucro e destinar os cartos aos seus amigos. Pero pola vía que seguen, nin aos seus amigos lle serve. Eles mesmos protestan porque isto leva á ruína ás entidades que fan formación”.


Ningún comentario:

Publicar un comentario