venres, 19 de maio de 2017

Publicadas as axudas para os traballadores que se acollan á redución de xornada para o coidado de crianzas

Deberanse ter acollido á redución entre o 1 de maio de 2016 e o 31 de maio de 2017


A Secretaría das Mulleres da CIG informa que no DOG do venres, 19 de maio, sae publicada a convocatoria das axudas económicas para os traballadores e familias monoparentais que, entre o 1 de maio de 2016 e o 31 de maio de 2017, teñan unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas. Estas axudas teñen como obxecto a conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade.

Poderanse beneficiar das mesmas os traballadores e familias monoparentais que, entre o 1 de maio de 2016 e o 31 de maio de 2017, ambos os dous inclusive, teñan unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado dunha filla ou dun fillo menor de 3 anos (ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33%).

Para os efectos destas axudas, entenderase por familia monoparental o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas menores ao seu cargo.

Así mesmo, poderán acollerse a esta axuda os traballadores que adopten unha persoa menor ou a teñan en situación de acollemento familiar, nas modalidades de acollemento familiar permanente ou acollemento familiar preadoptivo. Nestes supostos, para ter dereito á axuda non poderán ter transcorrido máis de 3 anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción. En calquera caso, a filla ou fillo por quen se solicita a axuda terá que ser menor de 12 anos.

Como requisito establécese ter uns ingresos non superiores a 5,5 veces o (IPREM) para o ano 2015.

Período subvencionábel


O período máximo subvencionábel, continuado ou fraccionado, será de 8 meses. Para ter dereito á axuda, deberase manter a situación de redución de xornada durante un mínimo de 60 días naturais ininterrompidos. En ningún caso o período para o cal se solicita a subvención pode coincidir co permiso por maternidade, nin con calquera outro permiso, licenza ou excedencia para a mesma finalidade da persoa solicitante ou do seu cónxuxe ou parella.

Contía das axudas


1.- Cando a redución de xornada sexa de entre o 12,5 % e ata o 25 % dunha xornada laboral a tempo completo e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionábel (8 meses):

-          Unha/un filla/o a cargo: 1.700 euros.
-          Dúas/dous fillas/os a cargo: 2.000 euros.
-          Tres ou máis fillas/os a cargo: 2.300 euros.

2.- Cando a redución de xornada sexa superior ao 25 % e ata o 37,50 % dunha xornada laboral a tempo completo e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionábel:

-          Unha/un filla/o a cargo: 2.800 euros.
-          Dúas/dous fillas/os a cargo: 3.100 euros.
-          Tres ou máis fillas/os a cargo: 3.400 euros.

3.- Cando a redución de xornada sexa superior ao 37,50 % e ata o 50 % ou máis dunha xornada laboral a tempo completo e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionábel:

-          Unha/un filla/o a cargo: 3.100 euros.
-          Dúas/dous fillas/os a cargo: 3.400 euros.
-          Tres ou máis fillas/os a cargo: 3.700 euros.

Cando a xornada se realice a tempo parcial, ou cando o período subvencionábel sexa inferior ao máximo, as contías das axudas reduciranse proporcionalmente.

Prazo de presentación

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galiza

Ningún comentario:

Publicar un comentario