xoves, 11 de maio de 2017

Mobilízate, o asasinato do meniño de 11 anos en Oza-Cesuras tamén é violencia machista

A CIG anima a participar nas concentracións convocadas para o xoves 11 de maio ás 20h


A CIG fai un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas polo feminismo galego para este xoves, 11 de maio,  ás 20:00 horas, en repulsa ao asasinato do meniño de 11 anos en Oza- Cesuras a mans do seu pai, mentres gozaba do réxime de visitas. Este asasinato tivo lugar tras varias denuncias presentadas pola nai, ordes de afastamento e peticións de amparo.

Con esta xornada nacional de loita en varias vilas e cidades do país, quérese denunciar un sistema patriarcal onde os fillos e as fillas das mulleres maltratadas son vítimas directas da violencia machista; que  en demasiadas ocasións os maltratadores usan aos seus fillos e fillas para facer un dano irreparábel á muller; que a  violencia machista é contra toda a sociedade  e que as solucións son colectivas.

Desde a Confederación Intersindical Galega unímonos ao rexeitamento da violencia machista e facemos un chamamento á mobilización de toda a sociedade galega contra este crime machista. Que o silencio non nos faga cómplices. Ningunha agresión pode quedar sen resposta.

CONCENTRACIÓNS ás 20 horas:

-A Coruña, Obelisco

-Compostela, Praza 8 de marzo /Porta do Camiño.

-Ourense, Castañeira

-Pontevedra, Audiencia Provincial

-Lugo, na Praza do Concello

-Vigo, no Marco

-Ferrol, diante do Concello

-Bertamiráns, Praza A Amaía

-Noia, diante do Concello (ás 20:30 horas)

Ningún comentario:

Publicar un comentario