En relación á contratación e adxudicación do servizo de helicópteros a INAER
O sector da Autonómica da CIG-Administración presentaba o 14 de agosto de 2012 unha denuncia perante a Fiscalía ao considerar que existía un delito de prevaricación por parte do Secretario Xeral Técnico da Consellaría de Medio Rural e do Mar, Francisco Xosé Vidal-Pardo Pardo, do Secretario Xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto Juanas, da mesma Consellaría, e da propia Conselleira, Rosa Quintana, en relación á contratación e adxudicación as empresas INAER e NATUTECNIA, do servizo de helicópteros e as brigadas helitransportadas.
Transcorridos cinco anos desde aquela e tras das críticas recollidas nun Informe do Consello de Contas por esas contratación, o Xulgado de Instrución nº 3 de Santiago de Compostela (tras derivar o asunto a Fiscalía) vén de actuar e imputa o Secretario Xeral de Medio Rural e Montes, así como o secretario xeral técnico e mais o subdirector xeral de Prevención e Defensa contra os incendios forestais da devandita Consellaría da Xunta.
Finalmente o contrato foi outorgado por nin máis nin menos que 6,6 millóns de euros, fóra de todo procedemento legal previsto.
Diante disto a CIG-Autonómica valoraba que existía, neste caso, unha evidente conduta delictiva, do momento no que dous meses antes xa se coñecían os adxudicatarios, violando así o principio de igualdade, cando aínda non se fixera pública a convocatoria.
Xunto a isto denunciábase o sobreprezo que suporía isto para as arcas galegas porque comparando cos custos que supuxera a contratación de helicópteros e das brigadas helitransportadas en anos anteriores, a hora unitaria de voo nos helicópteros estaría saíndo a 2.400 €, cando o prezo de mercado era de arredor de 1.000€.
Precisamente por iso tamén se solicitaba da fiscalía que se investigue se había algún incremento patrimonial das persoas implicadas nestes contratos ou das persoas do seu entorno familiar.
A CIG tiña daquela constancia de que 13 helicópteros da empresa INAER e 10 cuadrillas da empresa Natutecnia estaban traballando nas tarefas de extinción de incendios, sen ter constancia formal algunha, cando antes o persoal era seleccionado directamente polo servizo de prevención de incendios da Xunta, por Seaga ou por Tragsa. Por iso consideraba “insólito”, que se contratase a unha empresa privada para as cuadrillas de incendios. “Que nós fosemos quen de avanzar ese dato dous meses antes quere dicir que estaba máis que amañado”.
O procedemento negociado sen publicidade é para contratos de menos de 100.000 €. Neste caso, e segundo naquel intre declarara Rosa Quintana, ascendía a 6,6 millóns, o que tería obrigado a darlle publicidade no DOG, no Boletín das Comunidades Europeas e máis na Plataforma de contratación da propia Xunta de Galiza.
Para a CIG é unha boa noticia que aínda transcorrido todo ese tempo, hoxe se investiguen esas contratacións e o seu principal responsábel, o secretario xeral de Montes, Tomás Fernández Couto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario