Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

venres, 10 de novembro de 2017

O secretario xeral de Montes, Fernández Couto, imputado por prevaricación a raíz dunha denuncia presentada pola CIG na fiscalía en 2012

En relación á contratación e adxudicación do servizo de helicópteros a INAER


O sector da Autonómica da CIG-Administración presentaba o 14 de agosto de 2012 unha denuncia perante a Fiscalía ao considerar que existía un delito de prevaricación por parte do Secretario Xeral Técnico da Consellaría de Medio Rural e do Mar, Francisco Xosé Vidal-Pardo Pardo, do Secretario Xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto Juanas, da mesma Consellaría, e da propia Conselleira, Rosa Quintana, en relación á contratación e adxudicación as empresas INAER e NATUTECNIA, do servizo de helicópteros e as brigadas helitransportadas. 

Transcorridos cinco anos desde aquela e tras das críticas recollidas nun Informe do Consello de Contas por esas contratación, o Xulgado de Instrución nº 3 de Santiago de Compostela (tras derivar o asunto a Fiscalía)  vén de actuar e imputa o Secretario Xeral de Medio Rural e Montes, así como o secretario xeral técnico e mais o subdirector xeral de Prevención e Defensa contra os incendios forestais da devandita Consellaría da Xunta.

En xuño de 2012, o sector da Autonómica da CIG-Administración alertaba da intención da Consellaría de Medio Rural de privatizar as brigadas helitransportadas do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPDCIF). Aseguraba ademais que, pola información á que tiveran acceso, a Consellaría estaba a preparar un contrato para que unha UTE, formada por NATUTECNIA e INAER, se encargase das brigadas helitransportadas e os helicópteros.

Finalmente o contrato foi outorgado por nin máis nin menos que 6,6 millóns de euros, fóra de todo procedemento legal previsto.

Diante disto a CIG-Autonómica valoraba que existía, neste caso, unha evidente conduta delictiva, do momento no que dous meses antes xa se coñecían os adxudicatarios, violando así o principio de igualdade, cando aínda non se fixera pública a convocatoria.

Xunto a isto denunciábase o sobreprezo que suporía isto para as arcas galegas porque comparando cos custos que supuxera a contratación de helicópteros e das brigadas helitransportadas en anos anteriores, a hora unitaria de voo nos helicópteros estaría saíndo a 2.400 €, cando o prezo de mercado era de arredor de 1.000€.

Precisamente por iso tamén se solicitaba da fiscalía que se investigue se había algún incremento patrimonial das persoas implicadas nestes contratos ou das persoas do seu entorno familiar.

A CIG tiña daquela constancia de que 13 helicópteros da empresa INAER e 10 cuadrillas da empresa Natutecnia estaban traballando nas tarefas de extinción de incendios, sen ter constancia formal algunha, cando antes o persoal era seleccionado directamente polo servizo de prevención de incendios da Xunta, por Seaga ou por Tragsa. Por iso consideraba “insólito”, que se contratase a unha empresa privada para as cuadrillas de incendios. “Que nós fosemos quen de avanzar ese dato dous meses antes quere dicir que estaba máis que amañado”.

O procedemento negociado sen publicidade é para contratos de menos de 100.000 €. Neste caso, e segundo naquel intre declarara Rosa Quintana, ascendía a 6,6 millóns, o que tería obrigado a darlle publicidade no DOG, no Boletín das Comunidades Europeas e máis na Plataforma de contratación da propia Xunta de Galiza.

Para a CIG é unha boa noticia que aínda transcorrido todo ese tempo, hoxe se investiguen esas contratacións e o seu principal responsábel, o secretario xeral de Montes, Tomás Fernández Couto.

Ningún comentario:

Publicar un comentario