O DOG do 2 de xaneiro publica o Plan de formación para o ano 2018 dirixido ao persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, ao persoal das entidades públicas Instrumentais e da Administración institucional, ao persoal ao servizo da Administración de Xustiza de Galicia, ao persoal ao servizo das entidades locais de Galicia e ao persoal de administración e servizos (PAS) das tres universidades do sistema universitario de Galicia.
O plan de formación inclúe accións formativas de carácter transversal e outras específicas. As primeiras teñen por obxecto ofrecer un currículo básico horizontal que capacite os empregados públicos para realizar as funcións que son xenéricas e que constitúen as bases da organización da Administración. Por outro lado, as accións formativas específicas comprenden o conxunto de actividades cuxo obxectivo está directamente relacionado coa adaptación permanente ao posto de traballo, incluíndo contidos sectoriais relativos a competencias concretas.
O plan volve apostar este ano polas diferentes contornas de aprendizaxe e metodoloxías, mediante a distribución da oferta formativa nas modalidades de autoformación, teleformación e docencia presencial.
Ademais dos contidos, o Plan formativo para o ano 2018 presenta importantes novidades no que respecta á súa configuración e deseño. Entre elas cómpre destacar que, por primeira vez, se efectuará unha oferta formativa conxunta para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional. Por primeira vez tamén todos os colectivos poderán acceder á formación enmarcada no portal de idiomas, no plan ofimático e no programa de autoformación.
Outra novidade importante para este ano, coa que se da resposta a unha reiterada demanda do alumnado, é a descentralización das probas de avaliación das actividades enmarcadas no plan ofimático e no programa de autoformación. Con este cambio, a EGAP quere facilitar ao conxunto do persoal ao servizo das administracións públicas de Galicia o acceso á formación.
Cómpre lembrar que esta resolución ten carácter informativo e que a matrícula ás actividades queda ligada á publicación das diferentes convocatorias no DOG.
Cómpre lembrar que esta resolución ten carácter informativo e que a matrícula ás actividades queda ligada á publicación das diferentes convocatorias no DOG.
Os ámbitos do plan así como o detalle dos cursos pode consultarse na resolución publicada no DOG.
Ningún comentario:
Publicar un comentario