venres, 16 de febreiro de 2018

A EGAP convoca o Plan formativo ofimático de Galicia

Este ano por vez primeira as probas de avaliación estarán descentralizadas. O prazo de matrícula remata o 26 de febreiro.


No DOG do  16/02/2018 publícase a convocatoria da EGAP, de xeito conxunto, das actividades formativas que compoñen o Plan formativo ofimático de Galicia.  Son un total de 1900 prazas nun total de 10 accións formativas, todas elas baixo a modalidade de teleformación.

O certificado que acredite a superación das actividades formativas que compoñen este plan ofimático permitirá obter a Certificación galega de competencias dixitais en ofimática (CODIX), de acordo co Decreto 218/2011, do 17 de novembro, polo que se regula a certificación galega de competencias dixitais en ofimática.

Como novidade importante para este ano, coa que se dá resposta a unha reiterada demanda do alumnado e da CIG, prodúcese ao fin a descentralización das probas de avaliación das actividades deste plan.

As solicitudes de participación presentaranse exclusivamente a través de https://egap.xunta.gal/matricula, desde as 8.00 horas do 17 de febreiro de 2018  e ata as 23.55 horas do 26 de febreiro de 2018.  O número máximo de actividades formativas que se poden solicitar limítase a cinco.

Afecta a distintas Administracións públicas


A dita convocatoria faise extensible para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma, das entidades públicas instrumentais, da Administración institucional de Galicia, da Administración de xustiza, das entidades locais e persoal de administración e servizos (PAS) das tres universidades do Sistema universitario de Galicia (UDC, USC e UVigo).

A totalidade das prazas de cada actividade formativa repartirase nun 70 % para o persoal ao servizo da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, das entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, e nun 10 % para o persoal das entidades locais, 10 % para a Administración de xustiza de Galicia e outro 10 % para o persoal de administración e servizos das universidades do Sistema universitario de Galicia (UDC, USC e Uvigo).

Ningún comentario:

Publicar un comentario