martes, 20 de febreiro de 2018

Segue adiante a folga indefinida no sector de xustiza mentres a Xunta "enroca" as negociacións

Rachan as conversas e o comité pide unha nova interlocución para desbloquear o conflito


Segundo día de reunións maratorianas na EGAP entre o comité de folga de Xustiza e a Xunta de Galiza e segundo día no que a administración galega "enroca as negociacións" presentando propostas que mesmo empeoran as ofertas anteriores en puntos nos que había certo entendemento e pretendendo xogar ao desgaste e á división. Unha tensión que finalmente acabou por rachar as conversas a media tarde deste martes e co comité demandando unha nova interlocución que permita desbloquear a situación. Fronte "ás bafaradas de gasolina que bota a Xunta" sobre o conflito, a resposta dos traballadores e as traballadoras segue a ser o seguimento masivo da folga indefinida iniciada o pasado 7 de febreiro.

Por volta das seis da tarde e tras horas de conversas sen lograr ningún avance, o comité de folga daba por rachadas as negociacións e comparecía ante os medios de comunicación para esixir unha nova interlocución que permita desbloquear o conflito. Neste senso, criticaron a actuación do Director Xeral de Función Pública, José María Barreiro, ao que nomearon como "usurpador da xustiza". A representación social rexeita a súa presenza nas mesas de negociación porque "descoñece como funciona esta administración e descoñece cal é a realidade da xustiza galega", advertindo que non volverán a ningunha reunión "mentres estea Barreiro dirixindo a negociación".

Neste punto, acusárono de "dar pasos atrás" no conflito, esnaquizando aqueles puntos nos que podía existir un achegamento.


Actitude "patética"


Previamente, nun receso da xuntanza deste martes en Compostela, xusto antes de comezar a sesión da tarde, Óscar Freixedo, representante da CIG na mesa de negociacións, cualificaba a actitude da Xunta de "patética", nomeadamente referíndose ás declaracións realizadas onte polo Director Xeral de Función Pública nas que emprazou os empregados e empregadas de xustiza a emigrar fóra de Galiza "se non están contentos". Declaracións que considera "esperpénticas", tendo en conta que proceden dun alto cargo "que cobra arredor de 60.000 euros anuais, e que hai xulgados en Galiza nos que, sumando o soldo de todo o seu cadro de persoal, non chega a esa cantidade".

Ademais, Freixedo criticou con dureza que a Xunta busque presentar ao persoal de xustiza como privilexiado, cando o ano pasado o Goberno galego decretou unha suba para altos cargos (presidente, conselleiros/as, directores/as xerais, etc.) do 7%. Suba que, remarcou, non tivo ningún outro colectivo de traballadores/as da administración galega.

"Cero avances"


Así as cousas, as negociacións non avanzan, senón que mesmo retroceden en puntos no que existía certo entendemento, como nas amortizacións e consolidación de reforzos, "que agora parecen que queren deixar para a Mesa Sectorial"; ou no caso dos cobro do 100% das substitucións, no que a Xunta hoxe propuxo aplicalo  dende o día 1 do mes no que se asine o acordo, eliminando así o compromiso de cobrar con efectos retroactivos a 1 de xaneiro.

No punto dos descontos por enfermidade común, a Xunta mantén a mesma postura e teima en que hai que buscar unha nova normativa para o conxunto do persoal da administración autonómica. Algo que o representante da CIG entende como un contrasentido "porque os/as traballadores/as de Xustiza estamos explicitamente excluídos da Lei de Función Pública". "Meten nunha especie de caixa común as variábeis que lles interesan e como lles interesan na procura de xustificar as súas ridículas argumentcións", valorou Freixedo. 

Manifestación en Compostela o sábado 24


Así as cousas, e coas traballadoras e os traballadores da administración de Xustiza cada día máis "cabreados" pola actitude da Xunta, o comité de folga ten convocada unha manifestación próximo sábado en Compostela. A marcha, que se agarda numerosa, sairá ás 12:00 horas dende a Alameda e rematará na Praza da Quintana.

 Este martes, até a EGAP tamén se desprazou o voceiro de En Marea, Luís Villares, quen mantivo un encontro co comité de folga e a quen lles trasladou o apio ás súas reivindicacións. 

Fonte

Ningún comentario:

Publicar un comentario