mércores, 28 de marzo de 2018

A Xunta aumenta máis do 8% as subvencións dos medios de comunicación privados nun só ano

Para pensións non, pero para comprar os medios de comunicación con diñeiro público, para iso si sobra o diñeiro. No 2017 destinaron 1,675 millóns de euros a tales subenvcións e no 2018 asecende até 1,978 millóns. Tal suba do 8,4% nun só ano resulta un agravio comparativo co 0,25% das pensións ou do 1,75% dos soldos públicos (se que isto chega algún día).

Desde logo o Goberno da Xunta non paga as pensións (salvo o complemento das non contributivas ou a RISGA) pero si que lle parece ben que o Goberno de España só suba un 0,25% ao resto. Certo é que hai no proxecto de Orzamentos do estado unha proposta de suba dun 2% ás pensións mínimas e de viudedade, esas que están polos 650€/mes e as cales deberan igualarse dunha vez ao SMI, que xa de por si é baixo, e senón que vivan as persoas do Goberno cun SMI ou cunha pensión mínima, a ver que lles parece.

En calquera caso, son moitos os colectivos que nos sentimos agraviados con tales subas para depende que cousas. Para os nosos soldos, circunscríbese a suba ao PIB cun mínimo anual para os próximos tres anos dun 6%. Para subvencionar a actividade privada dos medios de comunicación pois un 8,4% nun só ano.

Esta axuda mantívose ata nos momentos dos recortes máis feroces; mentres os soldos públicos baixaban (no 2010 o 5% e no 2013 o 4%), para este tipo de subvencións mantiveron a mesma asignación.

Fomentar a "liberdade de expresión e medios independentes"

A polémica desta subvención radica na motivación, apelando á liberdade de expresión e para fomentar uns medios "máis plurais e independentes". Para mexar e non botar gota. Isto, lendo os criterios de asignación das subvencións desmóntase por si só: canto máis grande é o medio, cando máis difusión teña, máis subvención recibe. Así pois o que aquí se subvenciona é precisamente o contrario, a uniformidade informativa. Na asignación do ano pasado xa detallábamos como entre os grupos La Voz de Galicia e Faro de Vigo levaban cerca do 60% de todo o pastel.

A nova convocatoria  mánten os 1.255.000 de euros para xornais en formato papel e os 266.400 euros a empresas radiofónicas pero triplica a cantidade para as empresas xornalísticas que difundan a súa actividade informativa mediante internet, que soen ser, na maioría dos casos, as divisións dixitais dos grandes medios en papel.  Así, esta partida pasa de 153.000 euros a 455.000. No caso das radios, tamén existe algún caso de división do formato papel como é o caso de Radio Voz.

Por outro lado, non é esta a maior asignación que reciben os medios de comunicacións privados galegos e que fai sospeitar de falta de neutralidade informativa; sospeitas que se transforman en realidade cando un le todos os días os grandes medios privados galegos e bota en falta determinadas novas, un exceso de información sobre outras ou un estraño cheiro de parcialidade a favor dunha das partes nun conflito, como na recente folga do persoal de Xustiza onde a culpa de non chegaren a un acordo é sempre das traballadoras e traballadores e nunca da Xunta.

Non é conspiranoico argumentar que moitas veces os medios de comunicación galegos son unha sorte de "DOG" ou "paxina web da Xunta" ao transcribiren as súas notas de prensa sen maior contraste ou enfoque crítico. Isto é así porque os diferentes departamentos da Xunta pagan a cambio de publicidade institucional ben sexa directa (anuncios) ou ben indirecta a través dos mal chamados "convenios de colaboración" onde non hai máis colaboración de que a Xunta paga e o medio publica o que esta lle manda. 

En termos globais, o medio Galicia Confidencial cifra en 17 millóns de euros o gasto total nestes dous anos sumando todos estes conceptos (subvencións, convenios, contratos de publicidade). No noso apartado de dispendio público podes facer un seguimento de boa parte destes gastos coa súa respectiva documentación no DOG.


Fomentar "o uso do galego" e a "galeguidade"


Outra das xustificacións peregrinas para manter estas subvencións directas é o "fomento do uso do galego". Igualmente, para mexar e non botar gota. O anterior desmóntase lendo os medios que reciben a maior parte da asignación, onde custa atopar novas en galego, non sendo as referidas a temas de Cultura e sempre alonxadas da portada e son nestas novas residuais onde xustifican fomentar "a galeguidade".

Respecto ao ano pasado hai novidades que pretenden ser minimamente máis garantistas, ao elevar do 8% ao 10% a esixencia de contidos en galego nos medios escritos mais como en anos anteriores non se establece ningún tipo de control.

Tanto este como o resto de requisitos de normalización do uso do galego no ámbito dos medios de comunicación (usar o galego como primeira lingua de contacto coa cidadanía, comprometerse a aumentar o uso do galego ata finais de ano...) son abondo xenéricas e non teñen ningún tipo control a posteriori e chega cunha simple declaración responsable da empresa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario