luns, 2 de abril de 2018

Versión consolidada das instrucións de permisos, vacacións e licenzas

Ultimamente estannos a chegar bastantes consultas con relación ao permiso por falecemento, accidente grave, enfermidade grave, hospitalización ou intervención cirúrxica dun familiar (artigo 108 da Lei 2/2015, do 29 de abril). A dita instrución foi modificada a posterior por mór dunha sentenza xudicial do TSXG que a declaraba ilegal.

Cómpre recordar que o dito permiso se desenvolve a través da instrución 6ª da RESOLUCIÓN do 24 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral da Función Pública,pola que se ditan instrucións sobre o réxime de vacacións, permisos e licenzas. (DOG do 4 de marzo de 2016.) Porén, estas instrucións do 2016 foron modificadas por outra RESOLUCIÓN do 7 de febreiro de 2017, da Dirección Xeral da Función Pública, publicada no DOG do 13 de febrerio de 2017.

As instrucións que actualmente figuran na páxina web da Función Pública e que moitos servizos de persoal utilizan a modo de consulta son as vellas instrucións publicadas no 2016 mais non a versión consolidade nin tan sequera a modificación posterior do 2017. Co fin de evitar malentendidos, reclamamos de Función Pública que colgue, cando menos, a dita modificación e informe igualmente aos servizos de persoal.

Cambios no permiso por falecemento, accidente grave, enfermidade grave, hospitalización ou intervención cirúrxica dun familiar


A modificación das instrucións do 2017 vén a anular parte da redación do referido permiso no seguinte: 

No caso de intervención cirúrxica sen hospitalización que requira repouso domiciliario, será a localidade en que se realice o repouso domiciliario a que se debe tomar como referencia con respecto ao termo municipal da residencia da persoa funcionaria. Neste caso, se os días de repouso domiciliario son inferiores ao tempo máximo deste permiso, este quedará limitado aos días do repouso domiciliario.

No caso de hospitalización, entenderase que esta se produce cando implique a estancia hospitalaria que inclúe unha noite e unha comida principal no centro hospitalario. Neste caso, se os días de hospitalización son inferiores ao tempo máximo deste permiso, este quedará limitado aos días de hospitalización, agás que esta hospitalización leve consigo repouso domiciliario. Neste caso, este tempo computarase para completar o período máximo permitido.

Como vemos, elimínase a limitación da duración dos días deste permiso en función do que dure a hospitalización/ intervención con repouso. Para o caso concreto de hospitalización, dá igual que haxa repouso ou non, a concesión do permiso polos días non se pode recortar. Isto é consecuente coa redación do EBEP e da LEGP que non limitaban a duración deste permiso ás circunstacións concretas da duración da hospitalización, enfermidade ou intervención. No mesmo sentido que se a duración da hospitalización excede o tempo máximo deste permiso este non se amplía, tampouco resulta legal recortalos se a hospitalización dura menos.

O que non cambia é a definición regulamentaria de "hospitalización"  como estancia hospitalaria que inclúe unha noite e unha comida principal no centro hospitalario. Ou sexa, que sempre que haxa hospitalización non é necesario acreditar nada do repouso, como moito a duración da hospitalización. E se non hai hospitalización pero si intervención quirúrxica, entón e só entón, haberá que acreditar a necesidade de repouso domiciliario pero nunca se pode limitar os días do permiso á duración deste.

Reducións de xornada con retribucións para atender o coidado de fillo/a menor con enfermidade grave


Outro permiso que tamén se modificou, aproveitando o anterior, foi o da instrución 21.2 que resulta ser a redución de xornada con retribucións para atender o coidado de fillo/a menor con enfermidade grave.

Na redación incial contemplaba a dita redución ata catro horas ou a metade da duración da xornada de traballo diaria, cando ao adaptarse á lexislación quedou redactado como: polo menos catro horas da xornada de traballo diaria. Isto é así porque a normativa da que emana (EBEP e LEPG) recoñece o dereito a reducir a xornada para estas circunstancias nun mínimo do 50% pero non recoñece máximo; na redación anterior estarían poñendo como máximo o mínimo que establece a lei.

Cremos que o erro puido vir de copiar e pegar o texto da % da xornada que se permite reducir, con retribucións integras, para o coidado por enfermidade moi grave dun familiar de primeiro grado e que vén na instrución 21.1 até a metade da duración da xornada.

Ningún comentario:

Publicar un comentario