mércores, 11 de abril de 2018

Os sindicatos negámonos a reunirnos coa AMTEGA para unha modificación da RPT "ad hoc" mentres non solucionen a homologación salarial

O martes 10 de abril de 2018, convocounos o xerente da AMTEGA a unha xuntanza o vindeiro día 12 de abril para tratar unha modificación da súa Relación de Postos de Traballo. Como no día da marmota, volven a amortizar postos de niveis baixos para crear postos de nivel para "xente de confianza" e volven modificar dous postos LD para abrirllos  a dous colegas (un deles a persoal estatutario do Sergas e o outro a docente); o que abren a docente é o mesmo posto que abriron a Administración local no 2016 (agora queren "enchufar" a un docente, será alguén da URJC?).

Aproveitan tamén para pasar a LD dúas xefaturas de sección de nivel 25 (unha que xa existía e a outra de nova creación), supoñemos que para seguir "colocando" máis amigos. Curiosamente a de nova creación é de "apoio" EN MATERIA DE SEGURIDADE E PROTECIÓN DE DATOS  para o que xa existe outra sección co mesmo nome, oh sorpresa, esta por concurso. O peregrino é a explicación que dan na memoria como se todo o persoal funcionario non tivese deber de sixilo e a súa profesionalidade fose xenerada polo nomeamento en LD e non pola súa carreira. Un insulto ao colectivo de persoal funcionario da Xunta a xustificación que dan para cubir dous 25 por LD.

Estamos dende xuño de 2015 a espera da homologación salarial do persoal informático. Foi o xerente quen nos dixo que nos convocaría en marzo de 2016 para solucionar esta situación que se remonta ao ano 1993. Desde entón, en repetidas ocasións este sindicato solicitou unha reunión.

Por iso, CIG, CCOO, CSIF e UGT plantámonos, e para continuar coa tramitación desta RPT, esiximos unha convocatoria inmediata a unha reunión específica para solucionar xa a homologación salarial do persoal informático da AMTEGA, onde traballadores que realizan o mesmo traballo están a cobrar diferente.

Así mesmo pedimos que non se esquezan outras cuestións pendentes como:

  • Concurso de traslados. O último resolveuse o 1 de abril de 2014, hai xa catro anos. Teremos que agardar oito anos coma pasou a última vez?
  • Conciliación familiar. As resolucións de flexibilidade horaria por conciliación (ao igual que as de teletraballo) son un copia-pega. Non se ten en conta o que piden os traballadores e non se está permitindo acumular xornadas.
  • Teletraballo. Por que continúan concedendo só unha xornada cando o persoal solicita tres xornadas por semana.
  • Centros de destino na RPT. Solicitamos a modificación da RPT para crear diferentes centros de destino, de xeito que reflicta a realidade das variadas localizacións e a dispersión do persoal, sobre todo no caso de Santiago de Compostela.
  • Denuncia ante inspección de traballo en Ourense.
  • OPE Informática. Mentres na AGE convocaron este ano 455 postos do C1 de informática, a AMTEGA dedícase a amortizar e privatizar.
Contigo e coa CIG, a loita continúa! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario