xoves, 19 de abril de 2018

Resumo da xuntanza co director xeral da Función Pública. 18/04/2018

Nesta reunión previa a unha vindeira Mesa Xeral tratáronse os seguintes temas: bases dos concursos de traslados permanentes, RPT de Economía, Industria e Traballo e as bases dos procesos de enxeñería de montes e enx. téc. forestal. 

En varios, a CIG preguntou por varios asuntos: a RPT da AXI e acordo persoal legoeiro, concurso da lei 17, comisión de seguimento das instrucións de permisos, vacacións e licenzas, xubilacións parciais, 17 de maio e temarios EGAP.


Bases xerais de concursos de traslados


Cinco meses e medio despois da anterior xuntanza, Función Pública convócanos a negociar estes futuros criterios comúns a todos os concursos de traslados sen que teñamos unha nova proposta, limitándose o Director Xeral de Función Pública (DXFP) a facer un repaso do estado do último borrador (de data 8/11/2018).

Na nosa intervención, a CIG fai tamén un repaso das nosas demandas, expostas nas catro xuntanzas que xa tivemos e nos tres escritos de alegacións presentados, e que mantemos no seu conxunto:
  • Os méritos específicos están sobrevalorados e non existe alternativa mediante formación a quen non teña experiencia.
  • Os incrementos de grao tamén están sobrevalorados pois cada un equivale a un ano de servizos.
  • O traballo desenvolvido está excesivamente desequilibrado: o valor de un ano traballado en nivel 26, que resulta equivalente a un ano de servizos, ten o mesmo valor que multiplicar por 17,5 o valor de un ano en nivel 10.
  • Para a reunificación familiar non se teñen en conta os concellos limítrofes cando na localidade interesada non existen postos. E non contemplan ter persoas maiores a cardo ou discapacitadas.
  • A formación non pode caducar aos 10 anos. E teñen que incorporar as escolas de idiomas e as titulacións académicas.
  • ...

O DXFP conclúe con:
  • Para a semana que ven remitiranos un novo borrador e teremos outra xuntanza.
  • Para persoal funcionario van darlle unha volta á actual valoración das áreas funcionais.
  • Tentará que cheguemos a acordo no máximo posíbel, deixando cuestións mínimas nas que non haxa acordo para unha futura comisión de seguimento (esa será a chantaxe, pois se non asinamos, quedaremos excluídos das futuras negociacións).
  • Afirma que o concurso de laborais está condicionado polo concurso horizontal (cambio de categoría) recoñecido en convenio. Presentarán unha proposta. Céntrase no concurso dos grupos IV e V, e afirma que tras o acordo de estabilidade que asinaron con CCOO, CSIF e UGT, teñen problemas para convocar moitas prazas en concurso, polo que queren ou ben suprimir este concurso horizontal, ou ben unificar categorías antes de convocalo. Esta cuestión van levala á comisión negociadora do convenio.

A día de hoxe, non dan prazos para a convocatoria dos concursos.


RPT de Economía, Industria e Traballo

Despois de dúas xuntanzas nun ano dende que comezou a negociación desta RPT, convócannos a una mesa entregando o día anterior unha mísera documentación (o novo listado de equivalencias e o anexo de como quedaría para publicar). Dende a CIG deixamos constancia do noso enfado e repulsa tanto polas formas como polo fondo de como se estivo a levar esta negociación.

Dende a Consellería pediron desculpas e indicaron que aceptaran o 80% do solicitado nas alegación achegadas polos sindicatos (agora toca revisar esta afirmación na documentación entregada a véspera). Esta sería a situación actual:
  • Quedan pendentes para outra mesa de negociación os pluses de Gain e Metroloxía.
  • Queda pendente de negociación, pero que irá con esta RPT, o PLAN POLO QUE SE ESTABLECEN AS CONDICIÓNS LABORAIS DO PERSOAL QUE REALICE VISITAS DE SEGUIMENTO E SUPERVISIÓN DAS ACCIÓNS FORMATIVAS PARA O EMPREGO NA CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, EMPREGO E INDUSTRIA.
  • Aínda que manteñen a súa proposta de estrutura das direccións de emprego en catro categorías diferentes, indican que ninguén coa praza en propiedade vai ser cesado no posto e que só causará efecto a modificación cando o titular deixe de selo.
  • Indican que as amortizacións e creacións quedan nun número similar pero con maior nivel nas creacións, para facer mais atractivos os postos e que así os poidan cubrir.
  • De 53 xefaturas de servizo, só 8 quedan como LD, pasando todas as demais a concurso específico.
  • Consideran que o CIFP de Coia non precisan máis postos en RPT, pero que si precisan cubrir os postos que están libres. Aínda así, van crear un posto de Administrador.
  • Créase o posto de Técnico/a Superior de Arquivos, na Secretaría Xeral de Emprego.
  • Créanse novos postos por sentenzas xudiciais.
  • Modifican un posto de funcionario ocupado por unha persoa indefinida non fixa que pasaría a ser de persoal laboral debido a que así o esixe unha sentenza.
  • Indican que os novos postos de “Axudante de Administración” van facer mais funcións que un/ha secretario/a de subdirector/a. Segundo comentan farán traballos similares aos xefes de grupo. Neste punto preguntamos a Función Pública se este tipo de posto vaise a xeneralizar nas RPTs, non recibindo resposta (xa non estaba o director de función pública na reunión).
  • Abríronse prazas a grupos A1, A2 e C1 e como merito “293 EXPERIENCIA EN FORMACIÓN OCUPACIONAL (MÉRITO).”
  • Para eles a Oficina de Monelos non ten falta de persoal pero recoñecen que ten poucos postos cubertos. Créanlle unha Xefatura de Negociado.

A CIG solicitou unha refundición das memorias funcionais para poder continuar a negociación.

Bases dos procesos selectivos de Enx. de Montes e Enx. Téc. Forestal


Para estes procesos, correspondentes á OEP do 2016, a CIG mantén a defensa da promoción interna no 50% das prazas e o acceso mediante concurso-oposición. Respecto das probas, queremos fuxir do desenvolvemento de temas (terceiro exercicio). E substituir os temas por normas de dereito positivo ou, cando menos, indicar en cada epígrafe algunha referencia normativa.

Función Pública limítase a comprometerse a revisar os temarios, especialmente en forestais.


Outros asuntos


RPT da AXI e acordo de persoal legoeiro: o xoves 19 convocarán para unha xuntanza o luns 23. Dan por case rematada a negociación.

Concurso escalas sanitarias: seguen a dar escusas. Di o DXFP que van remitir algúns postos máis, pero que antes teñen que pechar con sanidade criterios comúns sobre os postos a ofertar. A CIG reclama ter un listado de todas os postos vacantes, coa xustificación individualizada dos motivos polos que calquera posto non vai ser ofertado. Aseguran que desta vez si que xa o teñen enriba da mesa e vai saír, pero levan xa moitos meses contando o mesmo, incumprindo o compromiso asinado cando no ano 2013 pecharon os laboratorios de Coruña, Ourense e Pontevedra.

Comisión de seguimento de vacacións, permisos e licenzas: nos últimos meses solicitamos en varias ocasións a convocatoria desta comisión. Reiteramos a urxencia desta convocatoria (necesidade de versión consolidada, sentenza TS inicio permisos día laborábel, instrucións ministerio sobre deber inescusable de coidar crianza enferma...)

Xubilacións parciais en Amtega:  Expuxemos os obstáculos que Amtega está a por ao seu persoal laboral para o acceso á xubilación parcial e esiximos unha solución por parte de FP, como garante dese dereito do persoal laboral.

17 de maio: Solicitamos a FP unhas instrucións ao respecto do 17 de maio na súa condición de “festivo recuperable”, primeiro festivo destas características dende a implantación do novo sistema sistema horario no 2013.

Temarios da EGAP: a CIG insiste en que a EGAP, como Escola de Administración Pública que é, debe publicar uns temarios orientativos para os procesos selectivos convocados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario