luns, 15 de abril de 2019

Se non te funcionarizas devolves a pasta da carreira

Continúa o circo do despropósito coa funcionarización: que si batería de preguntas, que si promoción interna encuberta nalgunhas categorías, que si non lle aclaran á xente os efectos sobra a súa concreta situación ou retribucións ou quen entra ou non entra, se o van ligar coa integración dos chiringuitos; agora tamén co cobro da carreira profesional.

Unha cousa é o que dicía ou o que non dicía o acordo de concertación social, o que dicía ou non dicía o director xeral da Función Pública e outra o que aparece na Orde de confección de nóminas publicada no DOG do 15 de abril. Mentres tanto o recurso da CIG contra o acordo de concertación social segue o seu camiño no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

O persoal laboral fixo que se comprometa a funcionarizarse, cobrará a carreira profesional. Pero que pasa co diñeiro se finalmente non se funcionariza? Que pasa se non se presenta ao proceso? E se non o supera? Tería que devolver o diñeiro cobrado?

O texto do Acordo de Concertación que asinaron CCOO, UGT e Xunta, di o seguinte:
O persoal laboral fixo [..] poderá acceder ao sistema de carreira profesional [..] se opta de maneira expresa e individualizada por acollerse ao proceso de funcionarización e o supera, momento en que se consolidarán as contías percibidas. [..]
Función Pública enleou o tema, e houbo numerosas notas informativas dos sindicatos asinantes que deixaban entrever que non se devolvía o diñeiro se finalmente non se producía a funcionarización.

Dende a CIG viñamos advertindo a todo o persoal que da literalidade do Acordo se podía desprender que habería que devolver os cartos no caso de non funcionarizarse. É máis, fixemos a pregunta nunha mesa xeral e o director xeral dixo que no decreto de funcionarización se aclararía ese asunto. Pois ben, no dito decreto non se aclarou nada e ten que ser nunha Orde de confección de nóminas onde quede aclarado este tema.

E por fin se clarexa o embrollo: o persoal laboral fixo que asine a carreira profesional e se comprometa a funcionarizarse, se despois non se presenta ou suspende, ten que devolver a pasta cobrada.

Así o di na orde de confección de nóminas que sae no DOG do luns 15 de abril:
Terceira. Reintegro de retribucións
Segundo o previsto no Acordo entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO. e UGT para a implantación do réxime extraordinario de acceso ao grao I do sistema de carreira profesional do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do persoal laboral fixo do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta o 28 de marzo de 2019, a non presentación da solicitude de participación no correspondente proceso de funcionarización que se convoque ou a non presentación, agás imposibilidade acreditada de non presentarse ao dito proceso, ou a non superación do correspondente proceso de funcionarización implicará o decaemento do encadramento no grao I con todos os seus efectos, polo tanto, dará lugar á dedución dos importes percibidos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario