luns, 17 de xuño de 2019

Concentración mércores 19 xuño: petición de concursos inmediatos e demisión do director xeral de Función Pública

A CIG-Autonómica convoca unha mobilización para denunciar a nefasta xestión de persoal de Función Pública; exixir a convocatoria inmediata de concursos de traslado; a “chapuza” da funcionarización obrigatoria; as amortizacións de postos e o peche de servizos; procesos de promoción interna; axilidade nos procesos selectivos; unha verdadeira carreira profesional, consolidada e universal. Vai ser este mércores, día 19 de xuño, ás 11:00 horas, diante da consellaría da Presidencia, no edificio administrativo da Xunta en San Caetano.

Queremos a dimisión do actual director xeral de Función Pública
. Sobran os motivos. Se estás cabreada ou cabreado, ven a protestar connosco.

A CIG denuncia que Función Pública non convoca os concursos de traslados porque non lle dá a gana, atrasándoos con escusas absurdas (os últimos foron: para persoal laboral en 2011; para administración especial en 2012 e para administración xeral en 2015). Por que se nega a convocar un concurso anual como si hai en ensino?

Ante a falta de concursos, obrigan ao persoal a buscarse a vida mediante comisións de servizo, figura que deixou de ser extraordinaria para converterse na forma ordinaria de moverse o persoal na Xunta, sen criterios obxectivos nen transparencia. Tal é así que en 2018 contabilizaron 984 comisións e 1.301 renovacións, o que dá un total de 2.285, e no que vai de ano 2019 van xa 380 novas máis 760 renovacións, o que dá un total de 1.140. Engadimos que detectamos e denunciamos 414 comisións de servizos ilegais (sen contar as ocultas e cruzadas), que deron xa lugar a recursos administrativos e probablemente acabe en contenciosos.

Artella unha funcionarización obrigatoria baixo a chantaxe do complemento de carreira no persoal fixo ou do despedimento no persoal temporal. Así máis de 7000 empregados públicos van a estar afectados por este proceso que non garante os dereitos do V Convenio colectivo, nin as retribucións das diferentes categorías. Ademais deixa ao persoal laboral sen posibilidade de concurso de traslados previo e non resolven a incertidume das reclasificacións na funcionarización ás novas escalas. Para colmo nin se plantexa subir os trienios do persoal funcionario máis baixos para igualalos aos do persoal laboral xerando unha nova desigualdade entre persoas coas mesmas escalas e funcións.

Incumpre reiteradamente os acordos que asina: que foi da consolidación do 2008? E das prazas que tiñan que sair a OPE do SPDCIF ou Consorcio? Isto xunto a un buzón de postos agochado; á inexistencia da bolsa de horas positivas, a suspensión do FAS (Fondo de Acción Social) e artigo 19 do V convenio desde 2012.

Deseña Relacións de Postos de Traballo que fan esmorecer servizos aos cidadáns mentres nutre a pirámida invertida (onde o lobi de directores e subdirectores campan cun amplo cortexo), un proceso paulatino e imparable: furtan prazas e pechan servizos con descaro.

Aproba co apoio de UGT e CCOO unha carreira profesional desequilibrada nas contías, non consolidada, sen garantía orzamentaria e inxusta xa que deixa fora a miles de persoas interinas e laborais. Unha chapuza mais que para colmo está cuestionada polo goberno do Estado.

Fai procesos selectivos escasos e chapuzas pola designación a dedo dos tribunais, pola falta de prazas e opacidade das vacantes.

Aplica de forma torticeira da taxa de reposición de efectivos na Xunta de Galiza, non cobre as vacantes ou obviar as prazas obrigatorias para promoción interna ou porcentaxe reservada a persoas con discapacidade. O número de prazas para a promoción interna separada nas OPE é ridículo.

Non ten vontade negociadora nin lle interesa, emprega a mala fe acotío, incumpre os acordos, chantaxea con atrasos en concursos ou contratacións, manipula con descaro e impide o acceso á información para a defensa do persoal e para  ampararse na súa desfeita busca parella de baile: CCOO e UGT.

Ante esta falla de respecto continuada aos empregados e empregadas publicas, sobran razóns para PEDIR A DIMISION INMEDIATA DO DIRECTOR XERAL DA FUNCIÓN PUBLICA

Unete a CIG para reclamar un cambio profundo na xestión do persoal

Concéntrate diante do edificio administrativo de San Caetano o vindeiro mércores 19 de xuño ás 11h.

Ningún comentario:

Publicar un comentario