En previsión das futuras sentenzas que se produzan, a CIG convida a todo o persoal funcionario e laboral (independentemente do seu actual vínculo fixo/temporal), a solicitar por vía administrativa o complemento de carreira profesional.
O sistema de carreira profesional pactado por CCOO, UGT e Xunta vén a ser unha especie de retribución de sexenios, como xa teñen os docentes. E así como o dereito a cobrar os trienios depende unicamente do tempo traballado (non da relación contractual), o dereito á carreira (ou sexenio), non llo quixeron recoñecer ao persoal funcionario interino, laboral temporal ou indefinido. Tampouco ao persoal laboral fixo que non quera funcionarizarse.
En marzo do 2019 o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza admitiu a trámite o recurso contencioso-administrativo presentado pola CIG contra a Orde do 15/01/2019 do Acordo de Concertación do Emprego Público de Galiza pactado pola Consellería de Facenda e os sindicatos CCOO e UGT. Ademais están en trámite os recursos contra a Orde do 28/03/2019 do acceso ao grao I do sistema de carreira profesional e a Orde do 08/04/2019 de confección de nóminas.
A CIG busca cos seus recursos unha declaración de anulabilidade ou nulidade parcial das ordes, que permita a extensión do dereito a todo o persoal.
Dado que non é posíbel solicitar o complemento de carreira por vía do aplicativo de xestión establecido pola Xunta de Galiza, reservado só ao persoal funcionario de carreira e ao laboral fixo que se comprometa a funcionarizar, o resto dos colectivos só poderían solicitalo persentando unha instancia no rexistro da Xunta, con copia selada para o interesado/a. A data límite para solicitalo é o 29/07/2019.
Para que solicitalo? Trátase dunha cuestión de oportunidade, no sentido de que, de dar a razón á CIG, e si a sentenza non establece retrotraer as actuacións ao momento previo á aprobación da orde, as persoas que tivesen feito a solicitude puidesen reclamar atrasos dende o 1 de xaneiro de 2019. E dicir, no caso de que a sentenza non obrigue a Administración a garantir o dereito ao sistema extraordinario de carreira profesional dende o 1 de xaneiro de 2019, e si o faga con efectos dende a data da sentenza, se poida reclamar o importe con efecto retroactivo.
Pero temos que xogar cos prazos xa que a sentenza que dite o TSXG pode demorarse moito, así que a solicitude individual presentariase o mais próximo posíbel ao día 29 de xullo.
A Xunta podería non responder á solicitude (pasados tres meses); entón ábrense diferentes opcións e teriamos que xogar cos prazos (poderíamos chegar a ter antes as sentenzas contra as ordes da carreira). Se a Xunta denega expresamente a solicitude, a vía a seguir sería diferente, xa en mans da asesoría xurídica do sindicato.
A previsión da CIG é que gañemos o noso recurso ante o TSXG, do mesmo xeito que xa ocorreu noutras comunidades autónomas. Pero a xustiza é birolla, e en función da sentenza podería darse o caso de que o hipotético dereito a cobrar a carreira teña unha data de efectos diferente en función de ter solicitado ou non a carreira. Podería ser que quen non solicitara a carreira tivese dereito a solicitala, máis probablemente non aos atrasos.
Poñemos a túa disposición un modelo de solicitude. Podes adaptalo ás túas circunstancias. Descargar modelo.
Por clarificar as cousas: un asunto diferente son as dúbidas da legalidade que o goberno do Estado expresa sobre o Acordo de concertación, e que afectan directamente á carreira profesional, que se concreta na constitución da comisión bilateral Estado-Xunta para discutir o asunto, é a cuestión de inconstitucionalidade aberta polo Goberno do Estado. Esperamos que estas dúbidas queden solucionadas. Dende a CIG xa solicitamos a sua aclaración e consideramos que é resultado do proceder chapuceiro e as presas da dirección xeral da Funcion Pública.
Ningún comentario:
Publicar un comentario