xoves, 19 de setembro de 2019

Como afecta a revisión á baixa do PIB 2018 á nosa recente suba salarial?

A parte variable quedaría rebaixada do 0,25% ao 0,20% se se cumprise estritamente o acordo


O INE confirmou recentemente, tras unha revisión estatística, que a economía española creceu dúas décimas menos no 2018, ou sexa, non o 2,6% avanzado en xuñó, senón o 2,4%. Este dato pasaría desapercibido se non for porque tralo acordo de Madrid en marzo de 2018 (logo replicado aquí por UGT e CCOO) a nosa recuperación de poder adquisitivo quedaba vinculada a este parámetro macroeconómico; no 2020 meteron tamén a estabilidade orzamentaria (déficit público).

O INE certificou o pasado 5 de xuño que a taxa de variación do PIB de 2018 respecto a 2017 en termos de volume foi do 2,58%. Unha cifra que levou ao Consello de Ministros o 21 de xuño a aprobar a aplicación da revalorización variable do 0,25% nas nosas retribucións. Esta subida fíxose efectiva nas nóminas de xullo.

Segundo o acordo, o aumento salarial para o persoal público en 2019 sería do 2,25% máis unha parte variable do 0,25% adicional se o PIB de 2018 fose igual ou superior ao 2,5%. Se nos atemos á literalidade do acordo, para un crecemento inferior ao crecemento do PIB do 2,5 % o incremento diminuirá proporcionalmente en función da redución do crecemento que se produciu sobre o devandito 2,5 %. 

Isto formula a dúbida de se as nosas nóminas terían que recortarse agora ese 0,05%. Con todo, desde o Ministerio de Facenda non se deu, de momento, ningunha instrución respecto diso. E desde a Consellaría de Facenda tampouco indicaron nada.

E parece pouco probable que esta miserenta parte variable da suba salarial vaia revisarse á baixa, xa que o Goberno deu a orde de pagamento vía Real Decreto, e a Xunta replicou, tomando como referencia "a estimación avance do PIB de cada ano publicada polo INE", e esa foi a realizada o pasado 5 de xuño, aínda que agora fose revisada polo propio organismo estatístico. Desta volta, por unha vez, tivemos sorte.

Alén disto, na coxuntura económica que se nos vén enriba, a suba variable do 2020 está xa dabondo comprometida por non falar do resto dos puntos económicos do acordo como é a carreira profesional (alomenos nos efectos económicos). E todo isto, tendo en conta que seguimos coas pagas extras recortadas, sen Fondo de Acción Social, co descanso en domingos e festivos recortado, con persoal insuficiente en moitas áreas dos servizos públicos... Iso sí, para as privatizacións, para prensa e para outras historias sempre hai cartos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario