mércores, 15 de maio de 2024

Convocado o concurso de traslados da Administración xeral da Comunidade Autónoma

 

No DOG do 15/05/2024 publican a Resolución do 13 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEPAP, antiga D.X. de Función Pública), pola que se convoca concurso ordinario para a provisión de postos de traballo vacantes da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza.

Observación 1: neste momento NON se solicitan as prazas

Como xa chegan as primeiras consultas, lembramos ás persoas interesadas que inicialmente só presentarán a súa solicitude de participar no concurso de traslados, e que neste momento NON se solicitan postos, algo que será nun momento posterior, cando a DXEPAP publique un novo listado que conterá as vacantes publicadas nesta convocatoria xunto co listado das prazas das persoas que solicitaron participar no concurso, como "potenciais vacantes".

Observación 2: poden participar as persoas de escalas?

Este é o concurso de traslados que chamamos de "corpos xerais". Isto é, de postos de Administración xeral sen escalas. Os compañeiros e compañeiras que pertenzan a calquer escala (tanto de administración xeral como de administración especial), poderán participar soamente para optar a aqueles postos que a maiores de corpos xerais, tamén estean abertos a súa escala.

Poderán participar neste concurso:

a) O persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza.

b) O persoal funcionario de carreira dos corpos da Administración xeral doutras administracións respecto daqueles postos en que así se especifique expresamente no anexo I de postos de traballo.

c) O persoal funcionario de carreira das diversas escalas dos corpos da Administración xeral respecto daqueles postos en que así se especifique expresamente no anexo I de postos de traballo.

d) O persoal funcionario de carreira dos corpos de Administración especial respecto daqueles postos en que así se especifique expresamente no anexo I de postos de traballo.

e) O persoal docente respecto daqueles postos en que así se especifique no anexo I de postos de traballo.

O persoal incluído nas alíneas a), b), c), d) e e) ás cales se refire o número I.1. da presente convocatoria poderán participar sempre e cando transcorresen dous anos desde o acceso ao posto que veña desempeñando con carácter definitivo, agás que este se provese polo sistema de libre designación, caso en que non se exixirá permanencia. Non obstante, de acordo co disposto no artigo 90.2 da LEPG, para os efectos de poder participar neste concurso, o persoal funcionario de novo ingreso terá que acreditar en todo caso unha antigüidade mínima de dous anos desde o seu nomeamento como persoal funcionario de carreira.

Ao persoal funcionario de carreira que accedese a un corpo/escala por promoción interna ou en virtude dun procedemento de integración e permaneza no posto de traballo que desempeñaba computaráselle o tempo de servizos prestado neste posto no corpo/escala de procedencia para os efectos do disposto no parágrafo anterior.

O persoal que adquiriu a condición de persoal funcionario de carreira ao abeiro da disposición transitoria primeira da LEPG poderá participar sempre que teña unha antigüidade mínima de dous anos na categoría profesional equivalente ao corpo ou escala en que se realizou a súa funcionarización.

f) O persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou análogo doutras administracións públicas que se relacionan no anexo I en situación de excedencia voluntaria por interese particular, despois de transcorrer o período mínimo de permanencia nesta situación.

g) O persoal funcionario de carreira dos corpos e escalas da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou análogo doutras administracións públicas en calquera situación administrativa distinta das anteriores que permita a participación no concurso de traslados de acordo coa normativa aplicable.

Está obrigado a participar neste concurso:

a) O persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia obxecto desta convocatoria que se encontre ao dispor do órgano competente ou adscrito provisionalmente a un posto de traballo, de acordo co disposto no artigo 97.5 e a disposición transitoria quinta da LEPG. Deberá solicitar todos os postos de acordo coa base VI.2.

O incumprimento desta obriga determinará a declaración da situación de excedencia voluntaria por interese particular (artigo 97 da LEPG). Para estes efectos, tomarase como data de referencia a da situación administrativa da persoa concursante no día da publicación da convocatoria do concurso de traslados no Diario Oficial de Galiza.

Exceptúase do establecido nesta letra o persoal de novo ingreso que non teña unha antigüidade mínima de dous anos desde o nomeamento como persoal funcionario de carreira.

b) O persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galiza obxecto desta convocatoria que se encontre adscrito por motivos de saúde ou rehabilitación a un posto de traballo en distinta localidade daquela en que teña o seu destino definitivo estará, en aplicación do disposto no artigo 89 da LEPG, obrigado a participar no concurso e deberá solicitar todos os postos situados na mesma localidade do posto a que figure adscrito provisionalmente.

O incumprimento desta obriga determinará o cesamento no posto en que figure adscrito por motivos de saúde ou rehabilitación.

Os postos vacantes ofertados neste concurso publícanse no anexo I desta resolución.

Unha vez rematado o período de presentación das solicitudes de participación, publicarase no DOG a apertura dun prazo de 15 días hábiles para presentar as solicitudes de elección de postos de traballo.

Ademais dos postos ofertados no anexo I, engadiranse as potenciais resultas, que se publicarán na web corporativa da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, no enderezo https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/

Presentación de solicitudes (de participación e de elección de postos):

1. Para participantes da Xunta de Galicia en servizo activo na súa escala de participación, accedendo ao Portal do empregado no enderezo electrónico https://portax.xunta.es.

2. Para os que estean en calquera situación distinta da referida no punto 1, incluído o persoal doutras administracións públicas, a través do portal da web corporativa da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, no enderezo electrónico https://www.xunta.gal/funcion-publica/concurso-de-traslados/

A solicitude e, de ser o caso, a documentación adicional deberán presentarse electronicamente a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galiza e ata o día 5 de xuño de 2024 incluído, e dirixiranse á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal da Consellería de Facenda e Administración Pública.

E os demáis concursos de traslados?

Están convocados os concursos de varias escalas. Pero faltan moitas outras. Sabemos que o seguinte vai ser o concurso de escalas "sociais" (enfermaría, traballo social..). Neste momento non hai previsión de cando será (mesmo de cando comezaremos a negociar), os concursos de moitas escalas tanto de administración xeral como de especial. Falta todo o persoal de limpeza, cociña, condución, informática, incendios, veterinarios, bibliotecas, e moitas mais. Algunhas destas escalas levan sen concurso máis de dez anos. Inaceptable.

A CIG demanda o concurso de traslados ANUAL, na totalidade de corpos, escalas e categorías, paso previo a un concurso permanente que agora semella unha quimera.

Ningún comentario:

Publicar un comentario