venres, 24 de maio de 2024

Convocatoria do mal chamado «Fondo de Acción Social» do ano 2023

 

Vén de publicarse no DOG do 22/05/2024 cada vez sae máis tarde— a convocatoria do mal chamado «Fondo de Acción Social» do ano 2023. Trátase exclusivamente dunha axuda por persoa con discapacidade a cargo coa que Función Pública pretende seguir substituíndo sine die o auténtico FAS.

Resumo da convocatoria: 

Solicitude: será única con independencia do número de persoas causantes con discapacidade polas que se solicita a axuda. Xerarase de xeito telemático dende a aplicación do FAS.

Presentación: no rexistro ou de forma dixital a través da sede electrónica da Xunta de Galiza mediante solicitude xenérica PR004A. Dirixirase á Consellaría de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal. No obxecto do asunto indicarase: convocatoria do Fondo de Acción Social do ano 2023. Xunto coa solicitude achegaranse tamén as copias auténticas dos documentos que se exixen e das certificacións que xustifiquen os feitos alegados.

Prazo: do 23/05/2024 ao 05/05/2024.

Orzamento: máximo de 180 €/mes/persoa

Requisitos:
- Ser persoal funcionario ou persoal laboral do VCCU que prestara servizos durante o ano 2023 na Administración xeral autonómica ou entidades instrumentais da letra a) do art. 45 da Lei 16/2010 (isto é, organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais e consorcios autonómicos); ou ben ser persoal docente ou profesor/a de relixión.
O restante persoal da administración xeral ou entes instrumentais non ten acceso a esta axuda.
- Ter a cargo unha persoa causante cun grao de discapacidade entre o 33 e o 75 % e rendas inferiores aos 14.000€ anuais en concepto de rendementos de traballo ou de prestación que teña tal consideración. Cando a discapacidade é superior ao 75% non son de aplicación os límites referidos a estes ingresos.      
- Cumprir os requisitos para ser beneficiaria/o desta axuda e que se lle denegara a prevista no art 35 do VCCU.      

 Que foi do verdadeiro FAS?

O Fondo de Acción Social da Xunta de Galiza foi convocado por última vez no DOG do 09/02/2011. Contaba cun orzamento de 9.136.392 € e con 8 liñas de axuda, como podemos ver nesta comparativa:

 
FONDO DE ACCIÓN SOCIAL DA XUNTA 2010 2023
CONTÍA GLOBAL 9.136.392 2.000.000
 MODALIDADES  CONTÍAS MÍNIMAS (€) CONTÍAS MÁXIMAS (€)
 Atención á discapacidade 1.300  2.160
Xubilación 3.500  0
Fillas/os menores 150 0
Estudos de fillas/os 90 0
 Estudos do persoal 200 0
 Adquisición de vivenda 1.532 0
 Maiores a cargo  200 0
 Gastos sanitarios (tratamentos, próteses) 60 0
 Gastos sanitarios (produtos alimentarios) 60 0

Recuperación do FAS para todo o persoal!

A CIG esixe a derrogación da Lei 1/2012, que estableceu a suspensión da convocatoria, concesión ou aboamento de calquera axuda derivada do concepto de acción social, agás a axuda por persoa con discapacidade (a cal non pode ser superior a 180€/mes). No caso de terminados entes, a axuda foi suspendida por completo.

Esta Lei 1/2012, con medidas temporais en determinadas materias do emprego público en Galiza foi ditada hai 12 anos ao abeiro dunha crise económica xa superada e da que o goberno do Estado español xa ten levantado todas as limitacións de orzamento que puideran ser xustificación destes recortes.

É hora de recuperar todos os programas do FAS con todas as liñas de axuda existentes antes da entrada en vigor dos recortes desta Lei 1/2012 e da dotación orzamentaria actualizada (1% da masa salarial), e incluir no seu ámbito a todo o persoal da Administración xeral ou entes instrumentais cuxo FAS foi totalmente eliminado coa devandita Lei; ou ben recuperar os FAS propios preexistentes para o persoal excluído desta convocatoria.

Rueda, as medidas temporais non duran 12 anos! Derroga a Lei 1/2022 e recupera o verdadeiro FAS xa para todo o persoal!

Ningún comentario:

Publicar un comentario