Despois da denuncia por presunta agresión sexual ao conselleiro Alfonso Villares, descubrimos varias cousas:
- A primeira é que o seu homónimo, Alfonso Rueda, sabía dende hai meses a existencia da denuncia sobre o seu home de confianza.
- A segunda, que o presidente de todas as galegas prefire darlle unha aperta a un presunto agresor (os tribunais determinarán se o é ou non) á vista de todo o mundo que solidarizarse, aínda que fose dun xeito xeral, coas vítimas de agresión sexual.
Vaia, que en vez dun presidente prudente (perdón pola rima) que acepta a dimisión do seu conselleiro sen máis comentario e que se solidariza con todas as vítimas de agresión sexual, este HOME, con maiúsculas, non dubida en falar da posibilidade de recuperar a Villares para a política e de darlle unha aperta fraternal en público. Só lles faltou poñer unha alfombra vermella e despedilo con bágoas e panos, un agasallo e a promesa de que farán todo o que sexa para que retorne. A verdade, que case o fixeron... O espectáculo foi vergoñento.
En paralelo, faise un xuízo mediático pola dereita periodística escudriñando até o último detalle da vida da presunta agredida, como se non tivera suficiente coa experiencia.
Pero imos ó importante: que tipo de mensaxe está transmitindo ás mulleres? Que tipo de mensaxe está transmitindo á sociedade?
Está dicindo ás mulleres e a todos nós, que se o agresor é alguén poderoso ou amigo dun poderoso, non merece a pena denunciar. Que hai determinadas persoas que van recibir o apoio do poder fagan o que fagan, e que as presuntas vítimas destes personaxes van a ser revitimizadas unha e outra vez e van sufrir as consecuencias do seu "descaro" até o infinito.
Na esfera privada, Alfonso Rueda pode facer o que queira: apoiar ao exconselleiro, crer a súa versión e tomarse un viño co seu “compiiogui” ou “compibici”, mentres falan do malas que son as mulleres e que por calquera cousa poden montarcha, que xa nada é como antes. Pero no público debe, ou debería estar a altura do seu cargo, pero, como vimos, non está a altura agora nin o está nunca. Non pensa cales son as consecuencias dos seus actos e das súas palabras. Ou si o pensa, pero non lle importa porque cre estar por enriba do ben e do mal.
Estamos acostumadas e acostumados. Alfonso Rueda sempre se pon de parte dos presuntos agresores, das persoas poderosas. Neste caso, dunha persoa física: Alfonso Villares, de quen, insisto, aínda non está probada a súa culpabilidade. Noutros casos, dunha persoa xurídica: ALTRI.
Desculpade a comparación, pero é que non podo deixar de ver o paralelismo do asunto. Alfonso Rueda ponse a favor dunha empresa que quere agredir a nosa terra dun xeito brutal, deixando a súa posible vítima, Galicia, absolutamente desamparada.
Pero estoume desviando. Vaiamos coa pregunta do principio.
É a Xunta de Galicia un espazo seguro para as mulleres?
A resposta, para min, é un rotundo si, a pesar do seu xefe. Porque a maioría de nós nunca andariamos dando apertas por aí en público aos presuntos agresores, nin prexulgariamos a denuncia da vítima ignorándoa como se non tivese importancia, nin falaríamos de recuperar ao presunto agresor para a vida pública. Simplemente, actuariamos dun xeito prudente e apoiaríamos a posible vítima con todos os medios ao noso alcance.
Por sorte, a maioría dos homes, con minúscula, que traballan na Xunta de Galicia, son moito mellores que Alfonso Rueda.
E, para rematar, gustaríame lanzar outra pregunta ó aire: vós sabedes que está a facer Fabiola García, conselleira, entre outras cousas, de igualdade?
Eu non o sei, pero creo que teño a resposta. Seguramente estea pensando en dar unha rolda de prensa para solidarizarse coas vítimas de agresións, denunciar o comportamento inaceptable do presidente Rueda e presentar a súa dimisión irrevogable ante a tremenda ignominia protagonizada polo seu xefe... Eu creo que por iso non dixo nada até agora, porque estará preparando moi ben a posta en escena para dar unha mensaxe clara e contundente que empodere ás mulleres agredidas e que as invite a denunciar.
Pensades o mesmo ca min?
Ningún comentario:
Publicar un comentario