En abril denunciábamos xa a privatización na DX de Patrimonio Cultural da elaboración de informes que son tarefa propia do persoal público de Cultura. Agora vén a outra cara da moeda: a vulneración da lexislación de protección de datos que supón o andar cos expedientes para dentro e para fóra e a súa preceptiva denuncia ante a Axencia Española de Protección de Datos.
De feito, temos coñecemento de que os expedientes son transportados por persoal de Tragsatec sen saber como son controlados, quen accede a eles ou que se fai cos datos.
A CIG vén de presentar denuncia contra a Dirección Xeral de Patrimonio, perante a Axencia de Protección de Datos, por externalizar a emisión de informes da Comisión de Patrimonio Histórico a través de encomendas de xestión con Tragsatec, traspasando a custodia e tramitación de expedientes sensibles a unha empresa externa sen ningún tipo de control, nin planificación de xestión dos datos contidos neses expedientes.
Entre outros datos, a central sindical sinala na súa denuncia planos de edificacións, contas bancarias, orzamentos de obra e todos os datos contidos en permisos de edificación e xestión urbanística. Datos que deben permanecer debidamente custodiados e tratados por persoal cualificado, polo que reclama a eliminación das encomendas de xestión e a creación das prazas necesarias para desenvolver os traballos de patrimonio cultural.
Encomenda a Tragsatec
Desde o ano 2018 a consellaría de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral de Patrimonio, está a externalizar o traballo técnico do persoal arqueólogo e arquitecto a través de varias encomendas coa empresa Tragsatec. Os expedientes abandonan as instalacións da consellaría de Cultura e son transportados por persoal da empresa Tragsatec ás súas instalacións onde nin se sabe por quen son controlados, nin quen accede ou que fai cos datos.
A falla de persoal da consellaría non pode ser solucionada coa externalización de traballos técnicos a empresas, senón coa consecuente creación de prazas de RPT e a súa cobertura urxente. O número de prazas necesario determinaríase co estudo de cargas de traballo e necesidades da dirección xeral de Patrimonio xa que o traballo externalizado non se trata dunha asistencia técnica puntual derivado dunha obra ou servizo extraordinaria senón que é un traballo habitual que debe ser desenvolvido por persoal público.
Incumprimento da Lei de Protección de Datos
As dúas encomendas asinadas até o de agora en xullo de 2018 e en marzo de 2019 incorren en varias irregularidades. Entre outras, a cesión da decisión técnica afecta a bens de dominio público, no caso da defensa do patrimonio arqueolóxico. Trátase dun traballo de carácter funcionarial que debe ser feito por persoal con suficiencia técnica, capacidade e independencia.
Xunto a isto hai un incumprimento da Lei de Protección de Datos, pola cesión de datos privados a unha empresa allea e a encomenda de traballos técnicos cando non conta nin cos medios, nin co persoal acaído para eses traballos.
A isto engadimos a fraude que supón para as persoas que se apuntan e pagan as taxas nas listas de agarda para a contratación de persoal propio da Xunta de Galiza, furtándolle as súas expectativas de traballo ao externalizalo sen escrúpulos cara empresas.
Incapacidade de Tragsatec
A CIG denuncia tamén a incapacidade manifesta de Tragsatec para realizar traballos en patrimonio xa que é unha empresa de servizos agrarios e non ten nos seus fins fundacionais traballos técnicos de contido cultural.
Por iso solicitamos, ao abeiro do artigo 8.5 da Lei 16/2010 de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público de Galiza (LOFAXGA) copia das encomendas, ou ben a súa publicación íntegra na web institucional, tal e como contempla a lei.
Lembramos ademais que a actual encomenda remata no final do mes de xuño, por iso entendemos que non se debe renovar e débese acudir ao persoal público porque do contrario a nosa organización sindical continuará coas accións que correspondan para parar estas externalizacións e a retirada de expedientes de edificio público.
Ningún comentario:
Publicar un comentario