Sindicato Nacionalista de Clase

Sindicato Nacionalista de Clase

xoves, 4 de abril de 2019

A Xunta privatiza a elaboración de informes sobre o impacto das obras no patrimonio cultural

A CIG denuncia que TRAGSATEC non ten persoal cualificado e esixe a creación de prazas na Dirección Xeral


O pasado 25 de marzo saía publicado no Diario Oficial de Galiza unha nova encomenda de xestión con TRAGSATEC pola cal se externaliza parte do servizo de elaboración dos informes sobre o impacto das obras que afectan a bens do patrimonio cultural e á súa contorna de protección. A CIG denuncia esta nova externalización de emprego público e esixe á Xunta que cree as prazas necesarias neste departamento para garantir a tutela do patrimonio cultural.

A encomenda, por valor de preto de 150.000 euros, ten unha duración de catro meses e carácter retroactivo a inicios de marzo, unha artimaña coa que a Xunta pretende dar visos de legalidade ao traballo que TRAGSATEC veu desenvolvendo para a Dirección Xeral de Patrimonio entre xaneiro e marzo, logo de ter rematado a vixencia dun primeiro contrato en decembro.

    Estamos ante unha externalización e precarización do traballo do funcionariado"

CIG-Administración Autonómica denuncia que esta encomenda supón delegar en persoal desta empresa a emisión dos informes que debería realizar o persoal propio da Consellería; "é dicir, trátase dunha externalización e dunha precarización do traballo do funcionariado". Pero ademais, alertan que TRAGSATEC non só non ten competencia para realizar informes arqueolóxicos destas característica, senón que a propia encomenda reviste un dubidoso encaixe na Lei orgánica de protección de datos, xa que os expedientes, para a súa tramitación, son trasladados dende a Dirección Xeral ás oficinas de TRAGSATEC.

"Ao persoal funcionario indicóusenos no seu día que os expedientes deberían estar gardados baixo chave para que ninguén alleo poida consultar os datos que conteñen. Máis aínda, a Consellería nega de xeito sistemático as solicitudes de teletraballo que presentan arqueólogas/os e arquitectas/os baseándose, precisamente, en que a información que conteñen os expedientes é sensíbel e, daquela, 'necesariamente debe permanecer nas dependencias' da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural. Como é posíbel entón que poidan ser trasladados fisicamente ás oficinas da empresa no Polígono do Tambre?", pregúntanse.

Unha RPT totalmente insuficiente


Dende o sector de Autonómica da CIG explican que a aprobación da Lei de Patrimonio Cultural de Galiza do ano 2015 (que fortaceleu o papel de control da Administración), xunto coa aprobación de numerosos plans xerais de ordenación municipal, provocaron que se incrementara considerabelmente o volume de traballo nos últimos anos. Porén, a Dirección Xeral, que xa carecía de persoal suficiente para sacar adiante os expedientes, non aumentou o número de arqueólogas/os e arquitectas/os, chegando mesmo "ao esperpento de que prazas creadas na relación de postos de traballo da Consellería están vacantes, sen ocupar por persoa ningunha. Como resultado, os atrasos na emisión das resolucións de autorización son enormes, co conseguinte malestar na cidadanía".

    Malia o aumento do traballo e a falta de persoal, hai prazas creadas na RPT da Consellería que están vacantes"

Diante desta situación, a Dirección Xeral de Patrimonio contratou persoal arqueólogo de reforzo nos anos 2017 e 2018 mediante contratos de acumulación de tarefas, cunha duración máxima dun ano, e que non foron renovados dende mediados do pasado ano. Hai que engadir que, a pesar de ser o camiño para crear as prazas fixas que puideran solucionar o problema, a RPT está paralizada dende 2015. Tampouco se pode perder de vista que existe unha lista de persoal temporal funcionario de arqueólogos (procedente da última oposición) de 120 persoas "ás que se lle cobrou unha taxa por estar nesa lista e que teñen unha expectativa de traballo anulada a causa desta encomenda".


TRAGSATEC non ten traballadores/as cualificado/as para estas tarefas


Foi entón cando a Dirección Xeral de Patrimonio, apostando pola fórmula estrela do PP, por primeira vez na historia da Xunta externaliza parte do servizo técnico de arqueoloxía ao asinar con TRAGSATEC unha encomenda de xestión de servizos (permitida pola nova lei de contratos) pola que esta empresa pública pode xestionar os expedientes. Esta encomenda tiña un prazo de vixencia de cinco meses (de xullo a decembro de 2018).

Mais como TRAGSATEC carece do persoal necesario para facer estas tarefas, tivo que realizar unha contratación específica mediante a publicación dun anuncio nunha coñecida páxina de busca de traballo na rede. Sobre a tramitación dos expedientes, CIG-Autonómica subliña que foron feitos "a toda présa polos traballadores/as da empresa e, polos erros detectados, tiveron que ser corrixidos polos técnicos da Xunta. Prima logo a cantidade antes que a calidade. Non esquezamos que estes expedientes dar lugar ou non a autorizacións de obra, a sancións, multas ou aperturas de expedientes informativos por infraccións en materia de patrimonio cultural", inciden.

Por outra banda, a CIG advirte que as persoas que traballan para TRAGSATEC carecen da independencia que pode garantir o persoal funcionario. "Como actuarán cando reciban presións para informar dunha determinada forma un expediente concreto sabendo que o seu emprego depende de que realice os informes de acordo con quen os contrata? Os riscos para a protección do patrimonio cultural son evidentes. Estase a externalizar nunha empresa a tutela dun patrimonio composto por bens que son de dominio público e moi sensíbeis e que, por tanto, deben corresponder ao ámbito da administración e da función pública".


A Dirección Xeral négase a contratar novo persoal


    Tragsatec non ten persoal cualificado para estas tarefas e tivo que facer unha contratación específica a través dun anuncio nunha web"


Malia ter solicitado en reiteradas ocasións, tanto dende a Xunta de Persoal como dende a representación da CIG, á Dirección Xeral a cobertura das prazas xa existentes e á creación na RPT daquelas que sexan necesarias, a Administración escúdase en que non pode contratar novo persoal e os expedientes seguen sendo tramitados por TRAGSATEC durante os meses de xaneiro e febreiro "un acto ao noso entender totalmente fraudulento". Como colofón deste despropósito, o pasado 25 de marzo saía publicado no DOG a nova encomenda de xestión, que se retrotrae a principios de marzo. "Co que levan gastado xa daba para crear cinco prazas de arqueólogos", critican dende CIG-Autonómica.

Así as cousas, a CIG está estudando a posibilidade de impugnar esta encomenda e non descarta iniciar mobilizacións contra a externalizacón de servizos e para esixir que se dote a todos os departamentos da Administración do persoal necesario para garantir uns servizos públicos de calidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario